O vento, a calor e os eucaliptos expandiron o lume por Foz, Ribadeo e Trabada

Unha plantación de eucaliptos ardendo nos montes de Vidal, en Trabada. (Foto: Europa Press).
1.270 hectáreas arderon desde a tarde da quinta feira na comarca da Mariña. Uns fogos que as autoridades consideran provocados e cuxos focos se sitúan nos concellos de Foz, Ribadeo e Trabada. Precisamente, este último municipio é o que concentra máis superficie queimada.

Os incendios forestais continuaban activos na Mariña ao fechamento desta edición. Uns fogos, segundo todos os indicios, provocados e cuxa expansión se viu favorecida polo forte vento do sur; a calor, que situou a comarca á cabeza da Galiza en temperaturas máximas rexistradas; a seca acumulada após moitos meses sen auga e un monocultivo de eucalipto que ten convertido os montes da zona nun barril de pólvora. Precisamente, o elevado desenvolvemento do eucalipto non só contribuíu a espallar o lume a unha maior velocidade, senón que dificultou os traballos de extinción.

Membros das brigadas contra incendios da Xunta da Galiza e persoal dos concellos que colaboraron nos labores de extinción sinalaron a Nós Diario a imposibilidade de traballar sobre superficies plantadas por eucaliptos polo elevado risco que representan para as persoas. Neste sentido, indicaron que nestas zonas só resultan efectivos os medios aéreos, mais a súa actuación está limitada polos horarios e as condicións meteorolóxicas.

A zona cero

Trabada foi a zona cero dos incendios na Mariña. O municipio, considerado como unha das capitais do sector forestal na comarca e na Galiza pola extensión das súas plantacións de eucaliptos e polo peso da industria auxiliar, viuse afectada por diversos fogos que queimaron máis de 1.200 hectáreas en diversos puntos do concello e en Ribadeo. Neste sentido, os primeiros fogos rexistráronse, ao redor das 15 horas da quinta feira, nos lugares de Barreiros, Pena Cova, Trabadela ou Vidal, se ben as lapas non tardaron en espallarse a outros núcleos de poboación como o Bizarro ou Valvoa, onde arderon os montes veciñais. Os seis veciños de Pena Cova víronse obrigados a durmir fóra das súas casas, nun aloxamento alternativo acondicionado polo Concello na antiga escola de Trabadela.

A proximidade do lume ás vivendas engadiu moita tensión á situación. Malia a que os eucaliptos están plantados perto das casas, a alcaldesa de Trabada, Maira García, sinalou a Nós Diario que “non temos que lamentar danos persoais pero si para as explotacións forestais, que son un auténtico banco para a veciñanza”. A rexedora asegurou que se viviu "unha tormenta perfecta" polas elevadas temperaturas dos últimos días e os fortes ventos que axudaron a propagar o lume.

A este respecto, responsábeis das forzas de seguridade consultadas por este xornal apuntaron a fogos intencionados, provocados en diversos focos pero con evidente conexión entre eles.

Ribadeo, concello lindeiro con Trabada, viuse afectado por varios incendios, que mesmo obrigaron a cortar a autovía do Cantábrico ou a denominada estrada do monte, que une a N-634 coa zona do Mondigo. Neste caso, os incendios motivaron o desaloxo de diversos núcleos como A Madanela ou A Ponte, cuxa veciñanza foi trasladada ao pavillón de deportes emprazado na capital do municipio. A orixe dos lumes semella, tamén neste caso, intencionada, ao non existir conexión entre os focos rexistrados no concello.

Desaloxos en Ribadeo

O alcalde Ribadeo, Daniel Veiga, puxo de manifesto en declaracións a Nós Diario que “a situación é dramática e complexa, pero pedimos tranquilidade a toda a poboación”. Ao tempo, lembrou “as dificultades en Noceda, en Vilaframil, en Cubelas, en Piñeira e tamén en Piñeiro (Cedofeita). En varios puntos temos unha situación crítica, pero controlada. E imos seguir nesa liña de colaboración coa Xunta da Galiza e coas distintas administracións”.

Na mesma dirección, o alcalde destacou que “desde o primeiro momento, puxemos a disposición daquelas veciñas e veciños que tiñan risco nas súas casas o polideportivo municipal. Estamos desde a 1 da madrugada [da sexta feira] con ese pavillón listo”.

Foz foi outro dos concellos mariñáns afectados pola vaga incendiaria. Neste municipio rexistráronse tres focos diferentes que arrasaron unha superficie forestal de máis de 70 hectáreas. O primeiro deles golpeou a parroquia de Santo Acisclo do Valadouro; o segundo, que puxo en risco varias vivendas, desenvolveuse no lugar do Chao, no núcleo de Santa Cilia do Valadouro; e o terceiro queimou abondosa masa de monte plantado nos lugares de Teixeira e Fontao, pertencentes ás parroquias focegas de Fazouro e Santa Cilia do Valadouro.

Un longo día en Foz

Os fogos comezaron a primeira hora de madrugada en Foz e foron controlados a media mañá.Neste sentido, o tenente de alcalde focego e responsábel do departamento de Medio Rural e Medio Ambiente, Francisco Fanego, quixo agradecer, en declaracións a Nós Diario, “o apoio de equipos e persoal fornecido por outros municipios da comarca,  así como da propia veciñanza, que estivo loitando contra o lume desde o comezo dos incendios”. As forzas da seguridade apuntan a unha orixe intencionada dos incendios e destacan a distancia entre os diferentes focos.

A hipótese sobre as causas dos fogos na Mariña coa que traballa a Xunta da Galiza sitúanse na mesma dirección. A este respecto, o conselleiro de Medio Rural, José González, que na mañá desta sexta feira se desprazou a Trabada para valorar a situación, asegurou “o carácter intencionado” dos diversos incendios. Neste sentido, afirmou que “os desalmados” que “prenderon estes fogos eran conscientes dos moitos problemas que provocarían”.

Un novo incendio afecta o Parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés

Mariña non foi a única área da Galiza afectada polos incendios na xornada desta sexta feira. Segundo os datos fornecidos pola Consellaría de Medio Rural, 77 hectáreas de monte raso e 12 de superficie arborada arderon na parroquia chantadina de Requeixo, na comarca de Chantada, dándose por extinguido o fogo arredor das 13 horas desta sexta. Neste caso, participaron no operativo de extinción dous técnicos, 10 axentes, 15 brigadas, oito motobombas e unha pa.

360 hectáreas arderon no concello de Vilariño de Conso, na comarca de Viana, nun lume que arrancou ás 22 horas da quinta feira na zona de Chaguazoso e que o Goberno galego deu por extinguido ás 12.07 horas desta sexta feira. O operativo contra o incendio contou con cinco axentes, oito brigadas, catro motobombas e dúas pas, considerando a Consellaría de Medio Rural que o lume foi provocado.

Os incendios volveron afectar ao parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Nesta ocasión, arderon 80,6 hectáreas de monte raso e outras 30 de zona arborada no concello da Lobeira, na comarca da Baixa Limia. O lume deuse por apagado ás 13.26 horas desta sexta feira,  tras desprazar a Xunta da Galiza ao lugar do fogo cinco axentes, oito brigadas e catro motobombas.

Ademais, a parroquia de Nieva, en Beariz, na comarca do Carballiño, padeceu un incendio que queimou 59,7 hectáreas de monte raso e 13,7 de superficie arborada. O fogo extinguiuse ás 9.26 horas desta sexta feira após a actuación de dous técnicos, 27 axentes, 31 brigadas, 21 motobombas, dúas pas e dous avións.