VÍDEO NO INTERIOR

O incendio de Trabada arrasa 1.200 hectáreas de terreo

O incendio de Trabada obrigou a cortar a A-8. (Fotos: Carlos Castro / Europa Press)
Foz, Vilariño de Conso, Trabada, Lobeira e Chantada son os municipios afectados.

A Consellaría do Medio Rural confirmou a primeira hora desta sexta feira que aínda permanecen activos dous incendios nos municipios de Vilariño de Conso (comarca de Viana), con 160 hectáreas afectadas, e de Foz (A Mariña), con catro lumes distintos pero próximos e cunha superficie provisional afectada de 70 hectáreas. A eles súmase o incendio do municipio tamén mariñao de Trabada, que segue activo —con máis de 1.200 hectáreas calcinadas—, e outros dous, xa estabilizados, en Lobeira (Baixa Limia) e Chantada (comarca homónima).

No caso de Vilariño de Conso, as chamas comezaron pouco antes das 22 horas desta quinta feira, na zona de Chaguazoso, e obrigaron a mobilizar até o momento cinco axentes, oito brigadas, catro motobombas e dúas pas. A superficie queimada, segundo a estimación provisional de Medio Rural, é de 160 hectáreas.

O de Foz, que se iniciou durante a madrugada desta sexta feira, trátase de catro focos moi próximos entre si, nas zonas de Santo Acisclo e Santa Cilla de Valadouro, e entre eles suman unhas 70 hectáreas afectadas. Os medios mobilizados neste caso foron cinco axentes, seis brigadas, nove motobombas e unha pa. Segundo informan fontes municipais a Nós Diario, este lume estendeuse xa ao concello veciño de Ribadeo, onde tamén se produciron avisos de desaloxo pola proximidade das chamas ás vivendas.

A estes incendios súmase o que segue activo desde a quinta feira en Trabada, con máis de 1.200 hectáreas calcinadas polo momento, e cuxa proximidade a núcleos habitados obrigou hai unhas horas a decretar a 'situación 2' de alerta. e a cortar a autovía do Cantábrico, a A-8, neste treito.

Estabilizados

Por outra parte, en Requeixo, Chantada, declarouse un incendio a última hora da tarde desta quinta feira e quedou estabilizado, segundo Medio Rural, desde as 8.43 horas de hoxe. A superficie afectada é de 80 hectáreas, e os medios mobilizados foron dous técnicos, seis axentes, 14 brigadas, sete motobombas, dúas pas e unha unidade técnica de apoio.

Finalmente, desde as 9 horas desta sexta está estabilizado un incendio declarado pasada a media noite en Lobeira, na zona de Parada. Nese caso, as primeiras  estimacións apuntan a 80 hectáreas afectadas, con incidencia no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Para este incendio mobilizáronse tres axentes, nove brigadas, cinco motobombas e unha pa.