Ayuso anuncia que Feixoo se comprometeu a enviarlle respiradores a Madrid

O material, asegurou a presidenta desta rexión, será devolto cando remita a crise da pandemia na capital española.
feixoo-ayuso
photo_camera Ayuso sinalou que Feixoo se comprometera con ela ao envío do material (Europa Press)

A presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, anunciou nesta cuarta feira, 25 de marzo, que lograra o compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para o envío de varios respiradores por parte do Sergas á sanidade madrileña, necesarios para atender as persoas enfermas coa COVID-19.

Madrid necesita agora solucionar a "gravidade" da súa situación, "mais despois será un privilexio ceder material a outras comunidades. Somos un único país e un grande equipo", declarou Ayuso nunha entrevista na canle de televisión Telecinco.

Segundo informou a dirixente desta rexión,. que alberga a capital española e onde hai un maior número de casos rexistrados da pandemia provocada polo coronavirus, tamén Andalucía, gobernada polo popular Juan Manuel Moreno Bonilla, e Estremadura, gobernada polo socialista Guillermo Fernández-Vara, comprometéronse ao envío de respiradores.

O material, asegurou Ayuso, será devolto cando remita a crise da pandemia na capital española na rexión.

Feixoo anunciara hai uns días que a súa administración estaba implicada na compra, entre outro material, de respiradores para a sanidade galega para facer fronte ao coronavirus perante a carencia destes instrumentos.

Hai apenas uns días, na comparecencia despois do Consello da Xunta, o presidente anunciaba ína investir 52 millóns de euros na compra de diverso equipamento sanitario, entre o que se encontraban 45 ventiladores volumétricos. Ademais, a Xunta habilita axudaspor valor de 10 millóns para aquelas empresas que decidan poñerse a fabricar material como ventiladores ou máscaras.

Comentarios