Ayuso defende que Feixoo mande respiradores a Madrid: “Somos un único país”

A presidenta de Madrid, Isabel Ayuso (Comunidade de Madrid)

O presidente galego citaba hai só uns días estes equipamentos entre os que precisaba Galiza para afrontar a COVID-19.

A pasada semana, na comparecencia despois do Consello da Xunta, Núñez Feixoo anunciaba que o Goberno galego abría liñas de gasto para obter material sanitario que Galiza precisaba para facer fronte á crise do coronavirus. Falaba enón de investir 52 millóns de euros na compra de diverso equipamento sanitario, entre o que se encontraban 45 ventiladores volumétricos. Ademais, a Xunta habilita axudas por valor de 10 millóns para aquelas empresas que decidan poñerse a fabricar material como ventiladores ou máscaras.

A presidenta de Madrid anunciaba esta cuarta feira que lograra o compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para o envío de varios respiradores por parte do Sergas á sanidade madrileña, necesarios para atender as persoas enfermas coa COVID-19.

Madrid necesita agora solucionar a "gravidade" da súa situación, "mais despois será un privilexio ceder material a outras comunidades. Somos un único país e un grande equipo", declarou Ayuso nunha entrevista na canle de televisión Telecinco. Tamén Andalucía e Estremadura enviarían, dixo, respiradores a Madrid.

A noticia non deixou de causar sorpresa, tendo en conta que Galiza envía a Madrid material que hai poucos días a Xunta insistía na necesidade de adquirir para o sistema sanitario galego ante a evolución de contaxiadas por COVID-19.

Para a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, o importante é “somos un único país”, e que este material será devolto cando remita a crise da pandemia na capital española.