A vendima de 2022 fecha como a segunda máis abundante dos últimos 10 anos, mais afectada pola seca

Un vendimador na Ribeira Sacra. (Foto: Europa Press)
Do total, 85% das uvas recollidas foron de variedades brancas, mentres que 15% restante corresponderon a variedades tintas.

O Goberno galego analizou na súa reunión semanal un informe da Consellería do Medio Rural sobre os resultados da vendima de 2022 nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas da Galiza e a situación actual do sector.

En concreto, a colleita deste ano é a segunda máis abundante dos últimos dez anos, despois da de 2021, con 70.204.506 quilos de uva de boa calidade recollidos.

Deste total, 85% das uvas recollidas foron de variedades brancas, mentres que 15% restante corresponderon a variedades tintas. Así, do total de uva recollida, case 60 millóns corresponderon a variedades brancas e preto de 10,5 millóns a tintas.

Por denominacións, a de Rías Baixas ocupou de novo o primeiro lugar en volume de produción, representando 58% da uva total recollida no país, con case 41 millóns de quilos de uva obtidos. Seguiulle a do Ribeiro, con 10,3 millóns de quilos e, a continuación, a de Valdeorras e Monterrei, con máis de 6,4 millóns de quilos en cada un dos casos. Finalmente, na da Ribeira Sacra recolléronse máis de 6 millóns de quilos.

No conxunto das cinco denominacións de orixe, a vendima implicou máis de 8.000 explotacións vitícolas e máis de 400 adegas en total.

Vendima marcada pola seca

A campaña de vendima deste ano estivo marcada pola seca. O presidente de Consello Regulador da denominación de orixe do Ribeiro, Juan Manuel Casares, presaxiou a mediados de setembro unha "certa diminución cuantitativa no peso dos acios" debido á tensión hídrica das cepas.

"Sobre como se presentaba a colleita en xuño, que era espectacular, si que é certo que estas vagas de calor que padecemos durante todo o verán vanse reflectir un pouco cuantitativamente porque foron moi fortes", reflexionaba Casares.

O dirixente da DO do Ribeiro explicou que a cepa é un vexetal "que adoita soportar bastante ben a tensión hídrica", pero "todo ten un límite", pois "entra en parada vexetativa e busca auga das reservas, polo que tira das uvas", de forma que os acios teñen menor peso.