Comeza o groso da vendima na Galiza nun ano no que se agarda unha caída da produción pola seca

"Sobre como se presentaba a colleita en xuño, que era espectacular, si que é certo que estas vagas de calor que padecemos durante todo o verán vanse reflectir un pouco cuantitativamente porque foron moi fortes", sinala Juan Manuel Casares, da DO do Ribeiro.
Un vendimador transporta nunha caixa parte da colleita recollida no viñedo dunha adega da D.O. Ribeira Sacra, o pasado ano. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Un vendimador transporta nunha caixa parte da colleita recollida no viñedo dunha adega da D.O. Ribeira Sacra, o pasado ano. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O groso da tempada da vendima comeza a partir desta fin de semana na Galiza, unha campaña na que se prevé unha diminución da produción a respecto dos 73 millóns de quilos de uva de 2021, que foi unha das maiores na serie histórica.

Por parte da denominación de orixe (DO) Rías Baixas, sinalan en declaracións a Europa Press que as previsións que tiñan dunha campaña duns 41 millóns de quilos de uvas "será menor", posto que estiman que haberá redución debido á seca de xullo e agosto.

Sexa como for, a campaña en Rías Baixas, a principal DO do país, vai ser inferior aos 43,8 millóns de quilos de 2021, un ano récord na produción. Agora, espérase a que pasen as choivas desta semana para comezar o bruto da vendima durante os próximos días.

Nesta liña, o presidente de Consello Regulador da denominación de orixe do Ribeiro, Juan Manuel Casares, apunta a "certa diminución cuantitativa no peso dos acios" debido á tensión hídrica das cepas.

"Sobre como se presentaba a colleita en xuño, que era espectacular, si que é certo que estas vagas de calor que padecemos durante todo o verán vanse reflectir un pouco cuantitativamente porque foron moi fortes", reflexiona. Explica que a cepa é un vexetal "que adoita soportar bastante ben a tensión hídrico", pero "todo ten un límite", pois "entra en parada vexetativa e busca auga das reservas, polo que tira das uvas", de forma que os acios terán menor peso.

No Ribeiro vendimáronse o ano pasado case 10 millóns de quilos de uvas —unha media de 9,5 millóns no último lustro—. Agora, Casares non entra a facer estimacións numéricas nun contexto de baixada, pois "é impredicíbel".

"A ver se a auga que está a caer estes días fai que a cepa recupere un pouco", engade. Aínda que algunhas pequenas adegas xa empezaron coa campaña de forma selectiva, non será até a partir de agora cando comece "a mecánica real" da vendima no Ribeiro.

As adegas do país agardan unha redución a respecto da uva recollida o pasado ano

Máis aló de Rías Baixas e O Ribeiro, as dúas DO con maior produción na Galiza, preséntanse as estimacións en Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei, no tres casos con diminución a respecto de 2021 para ficar ao redor dos 6 millóns de quilos cada unha delas.

O pasado 23 de agosto, a adega Godeval, situada no municipio do Barco, na DO de Valdeorras, iniciou a vendima no país, unha das máis temperás da historia. A campaña do ano pasado fechou en Valdeorras por riba dos 7 millóns de quilos; con todo, o director técnico do Consello Regulador, Jorge Mazaira, cre que este ano quedará, "posibelmente", nuns 6 millóns de quilos.

En Ribeira Sacra, a data oficial está marcada o 15 de setembro para esta campaña, máis aló de recollidas puntuais nalgunhas adegas. Espéranse ao redor de 6 millóns de quilos de uvas, mentres que en 2021 chegou aos 6,5 millóns de quilos.

O director técnico da DO Monterrei, Miguel López, augura perto de 6 millóns de quilos para esta campaña, lixeiramente por baixo do ano anterior, con 6,2 millóns. Apunta que entre esta semana e "sobre todo a que vén" arrincarán coa vendima. Unha denominación con preto dunha trintena de adegas polos municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra e Castrelo do Val.

Sen problemas fúnxicos

No entanto, as diferentes denominacións de orixe trasladan que a seca deste ano no que si beneficiou é na calidade fitosanitaria "excelente" da uva. A calor, de feito, ten efecto na prevención fronte a episodios fúnxicos, que foron máis acusados en pasados exercicios, de forma que se consegue "unha uva moi sa".

Comentarios