Veciñas de Eirís demandan á Xunta máis transparencia na ampliación do CHUAC

Veciñas do barrio de Eirís participaron na manifestación do 9 de febreiro en defensa da sanidade pública (Imaxe: Chuac si, pero non así).
A infografía presentada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, nun acto do 29 de xaneiro prevía a expropiación de varias vivendas. O Concello da Coruña presentou un proxecto que trata de minimizar o impacto no barrio dunha posíbel ampliación.

"CHUAC si, pero non así", é o lema da plataforma constituída no barrio de Eirís para facer fronte as posíbeis expropiacións que comportaría o proxecto de ampliación do Centro Hospitalario Universitario da Coruña, o CHUAC, proposto pola Xunta.

O 29 de xaneiro o presidente do Goberno, Alberto Núñez Feixoo, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, presentaron a proposta de ampliación do CHUAC nas propias instalacións do centro ante a alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rei, e as traballadoras.

Feixoo destacou a duplicación da superficie actual do complexo, que acadaría 86.000 metros cadrados. O investimento, avanzou, ascenderá a 395 millóns de euros, que engloban os 252 millóns previstos para as obras e 31 millóns para a urbanización e accesibilidade.

Do monto total, 12 millóns de euros destinaríanse a costear expropiacións necesarias para a obra. Neste apartado saltaron as alarmas da veciñanza de Eirís, ao saber polos medios de comunicación que a infografía amosada durante a presentación incluía a expropiación de até 19 vivendas do barrio.

Nexiste un proxecto, tan só esa infografía, explican desde o Concello da Coruña

Fontes do Concello da Coruña informan a Nós Diario de que presentaron a Xunta unha proposta alternativa que minimiza o impacto da futura obra tras manter unha reunión coa veciñanza. "Hai que subliñar que non existe un proxecto, tan só esa infografía, e que temos marxe para traballar", aseguran. Resta continuar avanzando en futuros encontros coa Xunta.

A proposta municipal pasa por ampliar o centro pola súa cara sur, incluíndo o espazo no que hoxe se atopa un aparcadoiro privado a través dunha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

As veciñas reclaman máis información

Dous días despois do anuncio de Feixoo a asociación de veciñas de Eirís Uxío Carré mantivo unha reunión. Mónica Díaz, a súa presidenta, critica que a veciñanza tivo noticia da expropiación de vivendas "a través dos medios de comunicación".

"Sorprendeunos que ninguén nos informase; quitarlle a casa a alguén non é cuestión baladí", engade Díaz. A veciñanza reuniuse con todos os grupos políticos coa excepción, polo momento, do Partido Popular, e mais co concelleiro de Urbanismo, Manuel Díaz Villoslada, para trasladarlle as súas inquedanzas.

Quitarlle a casa a alguén non é cuestión baladí, di Mónica Díaz

As veciñanza tamén informou da súa preocupación pola construción de vías de acceso polo barrio e o futuro incremento dos vehículos. Lourdes Cordero, veciña do barrio desde hai trece anos e médica do CHUAC,  desaproba a proposta da Xunta. "Penso que habería que empregar mellor o que xa existe", declara a este medio, ao tempo que critica que hai áreas do hospital infrautilizadas, como a cuarta, quinta e sexta planta de quirófanos, pechadas na actualidade.

"O centro medrou en moitos sentidos, número de pacientes, servizos asistenciais, e iso nótase. Mais tamén creo que hai unha maior presión polas carencias actuais na Atención Primaria ou nos Puntos de Atención Continuada”, engade, denunciando que o persoal sanitario "nin se ampliou, nin se renovou".

Hai unha maior presión polas carencias na Atención Primaria, valora Lourdes Cordero

A plataforma solicitou reunirse con representantes da Administración galega. O encontro terá lugar na quinta feira e as veciñas poderán trasladar as súas dúbidas ao delegado territorial da Xunta da Galiza na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o concelleiro de Urbanismo, Díaz Villoslada.