Colapso no servizo de Urxencias do CHUAC

Imaxe de arquivo

A Comisión de Centro de Atención Especializada da EOXI da Coruña di que é habitual que haxa pacientes nos corredores e afirma que as profesionais traballan en “condicións deplorábeis”.

“Aínda que non comezou o “pico de gripe” mais a situación actual é tan crítica que se está a dilucidar por parte da Xerencia situar as e os pacientes nun corredor de saída á rúa que nunca foi utilizado para tal fin e que está nunhas condicións non acaídas para a atención de doentes, sen medios estruturais, con correntes de aire, sen un lugar de saída de pacientes, familias, persoal, etc”. Esta é a denuncia que se fai desde a Comisión de Centro de Atención Especializada da EOXI da Coruña sobre o servizo de urxencias do HUAC, denunciando unha “situación de colapso”.

Esta comisión recoñece que “é un feito habitual o colapso do servizo de urxencias”, derivada da “falta de previsión” por parte da Xerencia. A saturación do servizo non é un feito illado, critican, e afirman que é “habitual” dispoñer as e os pacientes “en corredores dentro do servizo de urxencias, algo intolerable desde o punto de vista do dereito á intimidade e a dignidade da/o paciente”.

Condicións "deplorábeis"

“Os e as profesionais traballan arreo en condicións deplorábeis, co ratios de paciente por profesional dificilmente soportábeis para dar unha atención adecuada”, acrecentan.

A Comisión de Centro lembra que “ano tras ano” pide á Xerencia que teña un plan de continxencia que realmente evite chegar a esta situación.