Persoal do Chuac denuncia “colapso” en Urxencias polo feche de camas e "abandono" de Atención Primaria

Repítese a imaxe de pacientes "amoreados nos corredores de urxencias, en condicións que atentan contra a intimidade e a dignidade das persoas”, segundo a Comisión de centro.

Situación de colapso no servizo de Urxencias do Complexo hospitalario da Coruña (Chuac). Denuncia a Comisión de Centro de Atención Hospitalaria deste complexo sanitario, que fala de “situación crítica”. O “colapso” é consecuencia directa, afirman, do feche de camas que se leva a cabo “a pesar das necesidades asistenciais constantes de camas de hospitalización”.

Isto provocou, explica María Seijo, presidenta da comisión de centro nun comunicado, que esta segunda feira se producise máis una vez “a imaxe de pacientes amoreados nos corredores de urxencias, en condicións que atentan contra a intimidade e a dignidade das persoas”.

Para alén da imposibilidade de usar esas camas, desde a comisión afirman que estas situacións críticas derivan tamén do “continuo desmantelamento da capacidade asistencial de atención primaria”. A non cobertura das vacantes de profesionais, sinalan, provoca a demora das citas e, polo tanto, que as pacientes se vexan na obriga de acudir ao servizo de Urxencias do Hospital.

A Comisión esixe á Xerencia medidas urxentes, que se reverta de inmediato feche de camas nas unidades de hospitalización e que se manteñan dispoñíbeis todos os recursos para garantir a drenaxe dos pacientes do servizo de urxencias ás unidades correspondentes.

O feche de camas hospitalarias está a ser obxecto de denuncias nestas semanas por parte de sindicatos e as propias profesionais en áreas como a da Mariña ou a de Compostela