SOCIAL

Veciñas de 1.428 parroquias galegas teñen liberdade horaria para saír desde hoxe

Paseo (Carlos Castro/EP).

A Xunta elaborou unha listaxe e salienta que as alcaldesas poderán manter as restricións nalgunhas parroquias que nos seus inicios eran rurais, mais foron absorbidas urbanisticamente polo casco urbano; así como nos núcleos de poboación que, aínda estando en parroquias de máis de 5.000 habitantes, estean o suficientemente separados.

Coa nova interpretación da norma emitida polo Goberno español sobre as limitacións horarias de mobilidade na fase cero do desconfinamento xa son 1,27 millóns as galegas e galegos que teñen liberdade horaria: as algo máis de 410.000 habitantes dos 200 concellos con poboación inferior a 5.000 persoas (que xa tiñan liberdade horaria desde a pasada fin de semana) e algo máis de 866.000 veciñas das parroquias rurais que pasarán a tela co cambio de criterio.

A Xunta trasladou esta tarde á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a relación das 1.428 parroquias nas que pasará a haber liberdade de horario a partir de hoxe para saír a dar paseos e para facer deporte. 

As parroquias rurais con menos de 5.000 veciñas e veciños pódense consultar aquí. Mentres que os concellos de menos de 5.000 habitantes aparecen nesta listaxe da Administración Local da Galiza. 

A metade da poboación, sen limitacións

Desta maneira, case a metade da poboación galega pasará a ter liberdade horaria, fronte ao 15% que a tiña coa interpretación por concellos que estaba vixente até esta quinta feira, segundo informou a Xunta. O resto da poboación da Galiza, 1,4 millóns de persoas, segue sometida ás franxas horarias ditadas polo Ministerio de Sanidade.

Con todo, o Goberno galego apunta que as alcaldesas "poderán manter as restricións nalgunhas parroquias de menos de 5.000 habitantes que non garden unha mínima separación cos cascos urbanos, ao ter sido absorbidos na práctica pola expansión urbanística".

Neste sentido, as rexidoras poderán decidir a exención das subxeccións ás franxas horarias naqueles núcleos que, aínda pertencendo a parroquias de máis de 5.000 habitantes, estiveran o suficientemente separados do resto da poboación