SOCIAL

Todos os núcleos da Galiza de menos de 5.000 habitantes, sen limitación de franxas horarias a partir de hoxe

Desconfinamento (M. Dylan/EP).
Nos núcleos de poboación separados con menos de 5.000 veciñas e aínda que pertenzan ao mesmo concello poderase saír á rúa a partir desta sexta feira, día 8, sen as limitacións horarias impostas polas franxas que describiu o ministro de Sanidade e que seguen vixentes para o resto de poboacións. 

Os núcleos de poboación separados que teñan menos de 5.000 habitantes tamén poderán saír sen restricións horarias a partir de mañá mesmo e aínda que pertenzan ao mesmo municipio, segundo vén de confirmar o presidente da Xunta. 

O Goberno español autoriza que nestes núcleos separados que non chegan ás 5.000 veciñas e veciños se funcione como nas poboacións de menos de 5.000 habitantes, onde xa non entraron en vigor as franxas horarias impostas polo Ministerio de Sanidade. 

Así, Galiza poderá facer como Asturies, onde a Delegación do Goberno xa avanzara que a excepción das franxas da desescalada se aplicaba a calquera núcleo de poboación separado cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes". 

A Xunta solicitara ao Goberno español acollerse a esta mesma interpretación da norma e o presidente do Goberno español comprometeuse onte co deputado do BNG Néstor Rego a aplicar este criterio na Galiza. 

Especialmente bo para o rural

Néstor Rego explicou na súa intervención no Congreso que a norma non tomaba en consideración o hábitat disperso da Galiza e fixo referencia a isto como exemplo da inadecuación do criterio xeral "á realidade da Galiza con poboación dispersa onde son habituais casos de Concellos que pasan moito dos 5.000 habitantes, mais en que ningún núcleo se aproxima sequera a esa cantidade".

Pedro Sánchez, na resposta de onte ao deputado do BNG, afirmou que entendía que no caso da Galiza o criterio por núcleos ou parroquias era perfectamente posíbel. Ademais, a vicepresidenta Carmen Calvo comprometeuse co deputado nacionalista a trasladar esta cuestión ao Delegado do Goberno na Galiza, para que buscase a forma para aplicalo. O Delegado do Goberno comunicoulle a última hora desta tarde a Rego que o asunto estaba resolto.

Desde o BNG avalían positivamente esta decisión ao permitir que en pequenos núcleos, especialmente rurais, se poida "saír ás horas máis convenientes con total seguranza".