Para non ensarillarnos: 10 cousas a ter en conta para poder saír a pasear ou facer exercicio a partir do sábado

O BOE publica esta sexta feira os criterios e requisitos a seguir: desde non coller vehículo nin transporte público para ir até o lugar onde queremos facer exercicio até a prohibición de ir a instalacións deportivas fechadas.

1) Como é o das franxas? As persoas adultas poderán estar na rúa o tempo que queiran, mais sempre dentro das franxas horarias coñecidas: deportes e paseos de 6 a 10 horas e de 20 a 23 horas; maiores de 70 anos e persoas con dependencia, de 10 a 12 e de 19 a 20 horas; e para as menores de 14 anos fica a franxa de 12 a 19 horas.

2) Pero hai límite de tempo? O BOE aclara que non hai límite de tempo para paseos e deportes dentro das franxas horarias. Ou sexa, non se limita a unha hora.

3) E as menores de 14 anos? As menores de 14 anos continúan coas saídas limitadas a 1 hora diaria, que ademais agora deberánd e facer de 12 a 19 horas fronte á franxa de 9 a 21 horas que tiñan desde o sábado pasado até agora

4) É obrigatorio levar máscara? Non é obrigatorio o uso de máscaras.

5) Pode facerse deporte ou pasear en calquera espazo? Prohíbese o uso do vehículo para desprazarse atá zonas onde se queira facer exercicio ou pasear. O que especifica Sanidade é que os atletas terán que "manter unha distancia interpersonal con terceiros de polo menos dous metros". O Goberno tamén establece que durante a actividade física "deberían evitarse espazos ateigados, así como aqueles lugares onde poida haber multitude".

6) Sen interrupcións. A actividade física "na medida do posíbel" debe ser realizada "de maneira continuada, evitando paradas innecesarias en vías ou espazos de uso público". De ter que facer a parada esta deberá ser “polo tempo estritamente necesario".

7) E cal é a distancia? Os paseos restrínxense a 1 quilómetro do domicilio mais poderase sobrepasar esa distancia para facer exercicio.

8) Todas as persoas poden saír? Non. Por exemplo, as persoas internas en residencias de anciás non poderán saír a facer exercicio físico.

9) O "acceso ás instalacións deportivas" fechadas no inicio da pandemia non estará permitido.

10) A limitación de tempo non afecta aos concellos de menos de 5.000 habitantes, por volta de 200 na Galiza.