Veciñanza de Recimil, en Lugo, cede os seus terreos para pór fin ao paso a nivel en que faleceron dous mozos

Unha protesta recente da veciñanza de Recimil e Coeo diante do paso a nivel. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A asociación de Recimil e Coeo incidiron en que "isto xa se debería ter feito hai 30 anos" e que "non tiñan que pasar estas cousas".

Veciñanza da localidade de Recimil, concello de Lugo, aceptaron ceder os seus terreos temporalmente para crear un camiño provisional e pór fin ao paso a nivel en que o pasado mes de xullo faleceron dous mozos.

A asociación de veciños de Recimil e Coeo reuniuse cos propietario dos 100 metros de terreo que lle fai falta a Adif para facer un camiño provisional mentres non se suprima de forma definitiva o paso a nivel.

Desta forma, tal e como confirmaron fontes veciñais, os tres propietarios necesarios aceptaron a cesión voluntaria e temporal das súas leiras.

A asociación lembrou as palabras dos tres veciños que incidiron en que "isto xa se debería ter feito hai 30 anos" e que "non tiñan que pasar estas cousas".

"Por suposto que deixaban as leiras para pasar e que fixésemos o que fixese falta para acabar con este problema", aseguraron desde a asociación.

Así, avanzaron que esta semana tentarán asinar a cesión dos terreos e que esperan que "a semana que vén" comecen os traballos para realizar ese camiño.

Agradecemento

A continuación, os veciños só teñen palabras de agradecemento para estes tres propietarios e puntualizaron que suspenderán as concentracións que estaban a facer.

Tamén na xornada do luns Adif comunicou que "segue traballando" na supresión definitiva do paso a nivel que se prevé licitar no mes de decembro deste ano, co obxectivo de concluír as obras en xuño de 2025.

Ademais, detallou que este proxecto contempla "unha solución sen restricións futuras para o tráfico" en base á construción dun novo paso inferior, lixeiramente cara ao sur, de altura libre de cinco metros e a realización de camiños de ligazón co viario actual e outros de acceso ao novo paso, que garantan a mobilidade e permeabilidade da zona.