Marín mobilízase contra as "ameazas do Sergas de fechar o consultorio de Seixo"

Reunión da plataforma en defensa do centro de saúde. (Foto: Cedida)
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, no concello de Marín, agrupa a máis de 15 colectivos de varias parroquias que van saír á rúa para protestar polos recortes na sanidade pública, especialmente no ámbito da Atención Primaria.

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, en Marín, vén de convocar unha manifestación para a próxima sexta feira, 9 de xullo, coa intención de protestar contra os recortes na sanidade pública, que agora teñen o consultorio da localidade baixo o seu punto de mira.

Segundo denuncia o colectivo -que agrupa a 15 entidades dos lugares de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo- a mobilización social increméntase “despois das ameazas da Xunta, a través da xerencia da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés e o Sergas, de fechar o consultorio de Seixo”.

Desde o punto de vista veciñal, a intención do Goberno galego é “desmantelar este servizo público en Seixo aproveitando a xubilación dunha das profesionais que ocupa praza de enfermaría e a xubilación dun dos médicos que atende na instalación, prevista para mediados de agosto”.

Unha destas especialistas xa se comparte co centro de saúde de Marín e, segundo alegan, só atende na consulta unhas horas. A praza foi “cuberta de forma temporal” pero temen que en calquera momento a supriman.

“Tanto na praza de enfermaría como de medicina, non hai garantía ningunha de que ambas as dúas xubilacións vaian ser cubertas con persoal, de forma permanente”, critican polo que consideran que hai certa facilidade para o feche.

Din que o pequeno ambulatorio funcionou “con normalidade” toda a pandemia e agora non entenden a ameaza da Xunta por considerala “inxustificada e irresponsábel”. Así, alertan de que vai empeorar “a calidade asistencial nas parroquias e, tamén, no centro de saúde de Marín”, onde sosteñen que xa hai problemas desde hai tempo.

Ademais sinalan que “se a Xunta desmantela o centro de saúde de Seixo, terá un impacto na vida económica e social de todas estas parroquias”, ao que agora se lle suma o recente anuncio de Abanca de fechar a única sucursal bancaria que queda na zona. En protesta pola difícil situación na que quedarán se o fechamento vai adiante chaman á cidadanía a participar na manifestación do 9 de xullo que comezará ás 20.30 horas na estación de servizo de Seixo.