Opinión

Cara a onde vai a Atención Primaria!

 "As negociacións adoitan ir mellor cando hai confianza. É moi difícil negociar cando ambas partes desconfían". Samuel Johnson: UK. 1709- 1784: poeta, ensaísta, biógrafo, lexicógrafo e crítico literario en lingua inglesa.

0 8 de abril de 2019 desconvocouse a folga na sanidade pública galega, que estaba prevista para os días 9, 10 e 11 de abril. Fixémolo in extremis, cando se cumpriu a condición principal: a Mesa de Diálogo entre a Administración sanitaria e as entidades que formamos parte do sstema sanitario público, para elaborar o novo modelo de Atención Primaria (AP) no país. Así, constituíuse o Consello Técnico de AP de Galicia, que comezou a súa andaina creando 15 Comisións Técnicas (CT) que abordasen toda a problemática existente na AP. As 8 primeiras CT eran das entidades que formamos partes dos Centros de Saúde (CS): Enfermaría, Médicos, Odontólogos, Traballadores Sociais, PSX, Matronas, Farmacéuticos e Fisioterapeutas. As outras CT son de Desburocratización e mellora da xestión da Incapacidade Temporal, a relación entre AP e Atención Hospitalaria, Formación e Docencia, Análise Demográfica, Prescrición Eficiente e a de Intervención Comunitaria. Somos 208 persoas traballando, 30 entidades que de forma desinteresada queremos conseguir un novo modelo de AP. A día de hoxe, avaliadas case todas as CT, queda a 9, que será a que ditamine cal será a AP do futuro en Galicia?

Tanto a Administración como as entidades que estamos na negociación, recibimos múltiples presións de diferentes colectivos que queren posicionarse no novo modelo. Pese a isto e á pandemia da Covid-19, o consello técnico está funcionando e elaborando informes, que van a cambiar a dinámica de traballo nos CS e nos PAC. Medidas que consideramos prioritarias, serían cambios organizativos, como potenciar o carácter interdisciplinario e integral dos CS, impulsando e incorporando novas categorías profesionais, para dar resposta ás necesidades e problemas sanitarios da poboación: Psicoloxía Clínica, Logopedia, Atención Temperá, Terapia Ocupacional, Farmacoloxía Clínica. Incrementar de maneira importante os recursos humanos dos centros: coñecer o censo real de vacantes e adaptar a OPE a esas vacantes. Desmedicalizar a AP, potenciando e priorizando as actividades de promoción, prevención, rehabilitación e reinserción social, facendo fincapé no traballo en equipo. Reorientar a AP cara a un modelo comunitario e participativo, transformando as áreas de saúde en espazos para unha atención integral, baseada no diagnóstico de problemas, necesidades e recursos relacionados coa saúde: plans de saúde a nivel local. Potenciar as relación dos centros de saúde cos hospitais de área.

Mellorar a accesibilidade da poboación á atención de saúde e acabar coa masificación das consultas: incrementar os recursos humanos en función das necesidades e demandas de atención. Potenciar as áreas de recepción e apoio administrativo. Incrementar os CS nas áreas rurais, para achegar a atención a toda a poboación. Priorizar a atención presencial e utilizar a consulta telefónica e a telemedicina de xeito complementario. Mellorar a atención domiciliaria. Cando se aproben os acordos alcanzados nas 15 comisións técnicas, cando finalicen os traballos da primeira fase, convocarase o plenario do CT e estabelecerase unha folla de ruta, para seguir a aplicación do acordado. Debe convocarse de forma urxente a mesa sectorial cos sindicatos, para aprobar os cambios nas condicións de traballo do persoal.

A Administración debe estabelecer un calendario orzamentario para acompañar a posta en marcha das medidas, e debe facer cambios lexislativos -recuperar áreas sanitarias, recuperar a participación cidadá e profesional; recuperar as xerencias de AP; derrogación das dúas reformas da Lei galega de saúde (a segunda por ser inconstitucional)-. Cando se firme o acordo, consensuado, entre o Sergas e as entidades que formamos parte do CT, faremos a Atención Primaria do futuro

Comentarios