Veciñanza de Ferrol exixe un transporte público digno

Mobilización de onte en Ferrol con bonecos de 'Inocente'. (Foto: Nós Diario)
A 'Ruta dos Inocentes' percorreu hoxe a cidade

A falta de servizos de mobilidade, os problemas nos horarios e a escaseza de frecuencias son algúns dos problemas aos que se enfrontan as persoas usuarias do transporte público da comarca de Ferrol. Ante esta situación, a plataforma Por un Transporte Digno en Ferrol e comarca convocou hoxe unha mobilización na cidade para reivindicar un servizo de transporte público eficiente e de calidade adaptado á demanda dos usuarios e usuarias.

A portavoz da plataforma, Teresa Vázquez, explica a Nós Diario que a problemática comezou hai dous anos, cando se lle adxudicou á empresa Monbus a concesión deste servizo. “Decidimos levar a cabo esta mobilización a raíz das últimas declaracións da Xunta da Galiza nas que esta aseguraba que tiñamos un servizo de autobús de alta calidade”.

Vázquez demostra a falsidade desta afirmación explicando que ao longo dos últimos meses a plataforma elaborou unha serie de enquisas nos diferentes concellos e, das 700 recollidas, en máis do 90% dos casos se declaraba que o servizo público de transporte da comarca “é deficitario”.

Ademais, Vázquez tamén engade que “segundo datos do INE, a Galiza é a [autonomía] peor valorada” en canto ao transporte público se refire e, entre os concellos máis prexudicados “está Ferrol”. Tendo en conta estas cuestións, Vázquez sinala que recibiron as declaracións da Xunta “como unha inocentada” -hoxe é o Día dos Inocentes- polo que decidiron chamar o acto ‘Ruta dos Inocentes’. “Deixamos un monigote na estación de autobuses, outro no edificio administrativo da Xunta da Galiza e outro no Concello” durante o percorrido da mobilización, que culminou coa lectura dun manifesto por parte da plataforma.

Ante esta situación, Vázquez insiste na importancia de investir no transporte público e critica que desde as Administracións, tanto a local, como a galega e mesmo a estatal, “fagan propaganda electoralista e se boten as culpas as unhas ás outras”. “Teñen que reunirse todas para buscar unha solución urxente; ten que haber un cambio no transporte público por estrada para aumentar a oferta”.

A Plataforma mantén as protestas

Por todo isto, desde a plataforma teñen previstas máis mobilizacións para continuar coas protestas, xa que prevén un aumento da demanda do transporte público ante o retiro “das axudas aos carburantes e o aumento do prezo das autopistas”.