Veciñanza dos edificios despexados en Vigo sinala Abel Caballero: "Para as luces está, pero para isto non. Por que non dá a cara?"

Momento da actuación policial decorrida esta cuarta feira, 8 de novembro, nos números 11 e 13 da rúa Fisterra de Vigo, onde apareceu un veciño falecido. (Foto Nós Diario)
O cadáver dun home foi atopado esta cuarta feira minutos antes do despexo forzoso do inmóbel

A veciñanza dos edificios de Vigo desaloxados esta cuarta feira e onde apareceu o corpo sen vida dun home denunciou a situación "invivíbel" que sufría no interior dos inmóbeis, unha circunstancia da que culpan o Goberno local e en concreto o alcalde, Abel Caballero, así como a Xunta da Galiza. 

O cadáver dun varón, de 53  anos de idade, foi atopado esta cuarta nun edificio de Vigo –minutos antes do seu despexo forzoso–, no que se detectaron hai semanas deficiencias na instalación eléctrica que supuñan "un risco para os inquilinos e as inquilinas". Un inmóbel, ademais, que funcionaba como pensión "ilegal", cobrando até 350 euros mensuais por cuartos "en estado ruinoso".

A primeira hora da mañá desta cuarta feira, un dos veciños do edificio alertou a Policía municipal de que percibía un forte olor dentro da habitación na que residía o varón. Fontes policiais consultadas por Nós Diario confirmaron que o cadáver levaría varios días no interior do edificio, que estaba a ser vixiado pola Policía 24 horas ao día desde hai varias semanas. Ese veciño chamou os axentes arredor das 7.30 horas.

Momentos despois, contra as 9 horas, comezou o desaloxo do inmóbel por parte de efectivos da Policía Local. O desaloxo xa estaba programado para a mañá desta cuarta, independentemente da chamada recibida. 

Polo momento descoñécense as causas do falecemento, aínda que o corpo non presentaba signos de violencia e a veciñanza asegurou aos medios que o home, que era diabético, levaba semanas enfermo e "con mala cara", aínda que non quixo asistir a un centro de saúde.

A veciñanza lamentou en declaracións aos medios de comunicación, após ser desaloxada, a situación "invivíbel" que sufría no interior dos edificios, onde tiña que lidar con "ratas, cascudas ou chinches". 

Por este motivo, criticaron o Concello de Vigo e en concreto o seu alcalde, o socialista Abel Caballero, a quen acusaron de non tomar cartas no asunto e de estabelecer medidas "a curto prazo", xa que de momento, propuxéronlles trasladarse a varios hoteis ou hostais da cidade "uns 20 días" mentres non atopan outro piso onde vivir. "Para as luces está, pero para isto non. Por que non dá a cara? Aquí hai moitas familias e estamos na rúa", criticaron. Todo isto logo de que o pasado 19 de outubro o Concello ordenara aos propietarios dos edificios número 11 e 13 da rúa Fisterra proceder ao "seu inmediato desaloxo" polo "deficiente estado" da súa instalación eléctrica, para que solucionasen a "situación de perigo", xa que no mesmo estaban alugadas unhas 46 persoas.

Tras esta orde, varias veciñas deixaron o inmóbel para hospedarse en estabelecementos hoteleiros pagados polo Concello, mentres que outros decidiron ficar nos edificios, sendo esta cuarta feira finalmente desaloxados pola Policía Local após recibir a autorización xudicial.   

"Desidia ou neglixencia"

"Cantas persoas máis teñen que 'malmorrer' na mellor cidade para vivir para que a Xunta e o Concello actúen?", cuestionou esta cuarta feira o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, que urxiu despregar unha "enérxica" política de vivenda pública e de atención social fronte ás situacións de vulnerabilidade. Pérez Igrexas lembrou que o falecido atopado esta cuarta eleva a 13 as persoas empobrecidas achadas mortas en Vigo en "infravivendas" ou mesmo na rúa durante o último ano. 

Pola súa parte, a concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, explicou que se puxo a disposición das persoas despexadas un aloxamento alternativo. Tamén se estabeleceu un servizo de consigna dos seus avíos e outro servizo de garda e custodia das súas mascotas até que poidan acceder a unha residencia de carácter definitivo. 

Unhas medidas que, segundo a Federación REDE (Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), chegan tarde. "O Concello ten que acreditar que non incorreu en desidia ou neglixencia desde que comprobou en 2015 que os edificios non estaban en condicións para albergar inquilinos, aspecto que non cambiou a pesar de informes posteriores", sinalou a entidade, que denunciará os feitos ante a Fiscalía. REDE afirma que "hai testemuños suficientes sobre actividades delituosas exercidas sobre persoas vulnerábeis" nestes inmóbeis. A entidade instará a Fiscalía a dilucidar "se existe en Vigo unha rede delituosa que se aproveita das necesidades extremas das persoas máis vulnerábeis".