Atopan un home morto no desaloxo forzoso das 'infravivendas' da rúa Fisterra de Vigo

A veciñanza da rúa Fisterra foi desaloxada a primeira hora desta mañá. (Foto: REDE)
O precario estado do cadro eléctrico e o temor a un incendio levou o Concello a ordenar o desafiuzamento dun bloque que funcionaba como 'pensión clandestina'. REDE denunciará os feitos na Fiscalía para investigar a posíbel presenza en Vigo dunha "rede delituosa" que se aproveita das persoas vulnerábeis e concretar se o Goberno local actuou correctamente.

O incendio que o pasado 11 de outubro se cobrou a vida dunha nai e tres das súas crianzas menores de idade puxo de manifesto un incipiente problema en Vigo: as infravivendas. Esta mesma terza feira coñecíase o informe que ratificaba un fallo no cadro de luces como causa daquel tráxico suceso, e precisamente tamén polo estado da súa instalación eléctrica o Concello de Vigo ordenou desaloxar os números 11 e 13 da rúa Fisterra, considerados 'infravivendas'.

E esta mañá a Policía Local procedeu ao desafiuzamento a primeira hora e, segundo puido confirmar Nós Diario a través de fontes locais, atopou no interior nunha desas vivendas o corpo sen vida dun home, duns 53 anos de idade, que non presentaba signos de violencia. Até o lugar trasladouse un vehículo fúnebre do Vigo Memorial para proceder ao traslado do cadáver e así practicarlle a autopsia, se ben os primeiros indicios descartan a morte violenta. Un dos seus compañeiros de piso alertou do achado contra as 7.30 horas, pouco antes de procederen os axentes ao desaloxo. Aliás, varios veciños e veciñas trasladaron á prensa que o falecido era diabético e levaba moitos días enfermo e "con mala cara", se ben "non quería ir ao centro de saúde".

O Goberno local emitiu a orde de desaloxo o pasado 19 de outubro por funcionar o edificio como pensión clandestina, actividade para a que non estaba autorizada perante unha licenza municipal. Alí residían 46 persoas en réxime de alugueiro e en situación de especial vulnerabilidade. Alugaban os pisos por habitacións e recibiran numerosas queixas dos residentes pola falta de servizos, presenza de cascudas, chinches, fendas nas paredes, mofo e outras deficiencias. De feito, foi unha das inquilinas a que deu aviso ás autoridades o 10 de outubro instándoas a faceren unha inspección.

REDE denunciará os feitos ante a Fiscalía para investigar a posíbel presenza en Vigo dunha "rede delituosa" que se aproveita das persoas vulnerábeis

E o día 24 o Concello pediu unha orde xudicial para executar o desaloxo forzoso das vivendas, prometendo a todas as persoas residentes unha solución habitacional, prestándolles "atención integral e individualizada ofrecéndolles alternativa residencial temporal en hostais ou hoteis da cidade", algo que confirmou hoxe a concelleira Yolanda Aguiar. Desde que transcendeu a noticia, segundo puido saber este xornal, un vehículo policial estivo as 24 horas fronte ao edificio.

Esta actuación do consistorio vigués, porén, chega tarde a ollos da Federación REDE (Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), que avanza a presentación dunha denuncia na Fiscalía. "O Concello ten que acreditar que non incorreu en desidia ou neglixencia desde que comprobou en 2015 que os edificios non estaban en condicións para albergar inquilinos, aspecto que non cambiou a pesar de informes posteriores, e multas coercitivas mínimas, que reforzaban o entendemento de que as instalacións mostraban unha deterioración realmente perigosa para a vida e a saúde humana", censuran, a través dun comunicado.

Entende este colectivo que "non se pode pasar páxina" até que non se produza unha investigación "ampla" partindo do sucedido nestes dous portais da rúa Fisterra de Vigo, o 11 e o 13, "onde hai testemuños suficientes sobre actividades delituosas exercidas sobre persoas vulnerábeis", cobrando até 350 euros mensuais por un cuarto "en estado ruinoso".

REDE instará a Fiscalía a dilucidar "se existe en Vigo unha rede delituosa que se aproveita das necesidades extremas das persoas máis vulnerábeis", entre elas persoas con discapacidade e persoas maiores, que son "rexeitadas por inmobiliarias ou propietarios cando tentan acceder a unha vivenda digna", un dereito que teñen recoñecido na Constitución de 1978.