A veciñanza de Cuntis denuncia a "situación alarmante" das augas termais do concello

Unha das fontes do concello de Cuntis. (Foto: Nós Diario)
A plataforma explica que Cuntis conta cun dos acuíferos máis grandes da Galiza, con 19 mananciais dispersos polo núcleo urbano e "case todos canalizados para a explotación privada", e perto de 2.500.000 litros de auga termal a unha temperatura media de 60ºC.

A Plataforma Veciñal para a Recuperación do Patrimonio Termal de Cuntis vén de denunciar nun comunicado a "situación alarmante" dos "recursos mineiromedicinais" do concello. 

No seu escrito, lamenta que "a administración nin lidera a defensa da conservación dos dereitos públicos, nin intenta recuperar uns bens (mananciais e burgas localizados en dominio público: rúas e prazas) rexistrados como propiedade privada".

A plataforma explica que Cuntis conta cun dos acuíferos máis grandes da Galiza, con 19 mananciais dispersos polo núcleo urbano e "case todos canalizados para a explotación privada", e perto de 2.500.000 litros de auga termal a unha temperatura media de 60ºC.

Neste sentido, critica que a comunidade “beneficiase” de menos de 5% do caudal hídrico total e, por outra. Ademais, pon de manifesto o deterioro das infraestruturas das fontes públicas, construídas en época romana, "sen que ninguén as protexa".

Sen "amparo da administración"

A plataforma pon como exemplo da falta de protección dos recursos termais o feito de que, "desde hai un tempo, á fonte de auga quente denominada da Rúa Real instálanlle un tapón, o que priva que verta de xeito continuado cara ao común". Afirma que se trata dun ben etnográfico e arqueolóxico que "debería ter o amparo da administración".

"Teñen pensado os representantes públicos do municipio facer algo ao respecto? Iniciarán algún proceso recuperador das burgas localizadas nas rúas e prazas da vila? Van buscar vías para rexistralas como bens de titularidade pública?", pregúntanse no colectivo.

 Polo de agora, a plataforma xa elevou as súas queixas e documentos tanto a Seprona como á Consellaría de Economía, Emprego e Industria (xefatura de minas) e ao Concello de Cuntis (con copia para cada agrupación política).

"Quizais sigamos perdendo auga, caudais e dereitos, mais este colectivo sabe moi ben que ten que facer e a quen responsabilizar de todo o que aconteza de agora en diante", conclúe o comunicado.