Reclaman o uso público das termas de Cuntis, controladas pola empresa privada

Cuntis é vila balnearia e, fóra das instalacións privadas, o concello conta con termas públicas que neste momento vén minguadas os dereitos veciñais. A Asociación O Fervedoiro reclama o acceso aberto ás augas quentes. 

Termas de Cuntis
photo_camera Termas de Cuntis

Balnerio, spa e varios hoteis constiúen un conxunto termal coñecido máis alá das nosas fronteiras. O Concello de Cuntis é coñecido pola calidade das súas augas, polas propiedades curativas duns mananciais controlados pola empresa propietaria do complexo. Mais Cuntis, de tradición e historia, ten mananciais públicos que aínda as persoas de máis idade do lugar lembran empregar de maneira libre para distintos usos, desde o lavadoiro até o coidado da pel. 

A empresa privada limitou o acceso a auga quentes como a burga do Castro, que toda a veciñanza viña a utilizar dende tempo inmemorial, e agora a Asociación O Fervedoiro bota a andar unha campaña co fin de devolverlle á cidadanía un dereito que vén de lonxe. Algúns lembran como nos anos corenta este citado manancial que está en territorio privado tiña acceso aberto para o seu uso.

“A lei de augas do 85 considera que todas as augas fluviais son públicas, mesmo as soterradas. Recenmente pecharon as burgas e nas que está no centro do pobo a empresa ten dereitos de explotación”explica Héitor Picallo, inxeñeiro e membro da Asociación O Fervedoiro que reclama por medio de distintas iniciativas o acceso público a devandita burga do Castro. Dúas son as fontes que en espazo público viñan empregando a veciñanza, unha verte cara á veciñanza e incluso cara aos lavadoiros municipais (sita na Praza de Galiza) e outra está enfronte do Hotel da Virxe, no centro da vila. “Son dereitos e propiedades adquiridas dende hai tempo que se van esfarelando cara aos veciños. Ninguen debera ser propietario dun recurso natural”, comentan dende O Fervedoiro.. 

A empresa que xestiona o balneario dispón dun caudal diario de 2.500.000 litros de auga quente e ten máis de vinte mananciais declarados na Consellaría de Industrias. As burgas que manan en zonas públicas botan ao día 81.000 litros de auga quente, e dicir, só o 3,3% do caudal que se produce mana en zonas públicas.

Recollida de sinaturas

No Fervedoiro queren deixar claro que non queren causar prexuizos a unha empresa asentada en Cuntis senón facer prevalecer os dereitos da veciñanza. O día 28 de xuño fixeron unha medición da burga Lume de Deus (localizada na Praza de Galiza) e contabilizaron  0,076 litros segundo, un 15,4 por cento do caudal que tiña que botar a burga. Segundo o cómputo previsto, falta un 84,6% de caudal de auga, unha diminución á da que queren ter unha explicación. 

Como primeira iniciativa, botaron a andar unha recollida de sinaturas en Change e só na primeira xornada sorprendéronse do apoio recadado. Co resultado da campaña teñen previsto dirixirse ao parlamento galego, español e europeo, co obxectivo de que as augas termais volvan ser da veciñanza e con acceso aberto. 

“Cuntis existe porque existen as burgas. Estamos gravando un documental no que os vellos comentan a súa memoria do uso das augas termais. Son patrimonio colectivo e queremos que volva selo. Trátase só do 3,3 % da auga que o balneario rexistra. É o noso dereito e ímolo reclamar” demandan desde O Fervedoiro. 

Comentarios