Veciñanza de Cerdedo-Cotobade pide ao Concello "compromiso" contra os eólicos

Na Galiza hai 4.000 aeroxeradores eólicos en funcionamento (Foto: Pedro Sala).
O parque eólico dos Cotos, que afectaría o municipio, está xa en fase de exposición pública. Hai unha mobilización social convocada para o 9 de xaneiro.

A plataforma Así Eólicos Non vén de manter unha xuntanza co Goberno local de Cerdedo-Cotobade en relación aos 14 proxectos eólicos que axexan o municipio.

Nesta liña, as representantes do colectivo demandaron ao Concello que inste as entidades competentes (Augas da Galiza, Patrimonio, Medio ambiente, etc…) a emitiren "informes técnicos rigorosos e completos sobre todos os ámbitos afectados", así como a presentación de alegacións rexeitando o parque dos Cotos, actualmente en fase de exposición pública.

Tamén solicitan que se inclúa nas reunións nas que se está a abordar esta problemática a Comunidade de Montes de Augasantas, "xa que é unha parroquia afectada polos diferentes impactos" deste parque eólico.

Esta plataforma veciñal, salientan, é "autónoma" e "non só traballa en contra do parque dos Cotos", senón "para defender todo o Concello desta invasión eólica".

Mobilización social

"Desde a plataforma comunicamos que secundaremos a concentración que o Concello quere convocar o 9 de xaneiro en Cerdedo-Cotobade, mais tamén lle transmitimos a importancia de levar tal concentración ás portas da Xunta convocando outra concentración na Subdelegación da Xunta en Pontevedra, proposta coa que non se quixo comprometer", lamentaron, a través dun comunicado.

Esta concentración decorrerá o vindeiro 9 de xaneiro ás 12 horas, no Chan de Carballedo.

Parque eólico dos Cotos

O proxecto que actualmente se atopa en fase avanzada de tramitación, o parque eólico dos Cotos, está promovido pola sociedade Tiraventos SL, e prevé instalar seis aeroxeradores que sumarían unha potencia de 30 megawatts (MW).