Xuízo do Alvia

"Ás veces a seguridade funciona así", declara no xuizo do Alvia o técnico Pedro Luis Ruiz

Pedro Luis Ruiz, declarando esta cuarta feira no xuízo do Alvia (Foto: Europa Press).
O xuízo polo accidente do Alvia continúa esta cuarta feira coa declaración do técnico que redactou o informe de riscos do proceso de implantación dos cambios significativos de velocidade en liñas ferroviarias, Pedro Luis Ruiz.

O técnico de Ineco (empresa de enxenaría e transportes) que redactou o informe de riscos do proceso de implantación dos cambios significativos de velocidade despois do accidente do tren Alvia en Angrois (Santiago) afirmou que "non había indicios de accidentes deste tipo", para lamentar a continuación que "ás veces a seguridade funciona dese modo".

"Puiden ler que houbo seis accidentes ", explicou este técnico de Ineco, Pedro Luis Ruiz, na súa declaración no xuízo polo accidente, a cuestións do fiscal, antes de referirse ao de Medina del Campo de 2008, que, segundo subliñou, "nin sequera chegou a ser categorizado como grave".

Por iso, asegurou que "non había ese historial como para que alguén se puidese expor á necesidade de pór limitacións permanentes nas curvas, ao paso por unha ponte ou o que for".

"Ninguén o podía esperar. Ás veces a seguridade funciona así", sostivo. "Non pasara nunca nada, nada significativo", fixo fincapé na súa comparecencia.

Isto contrasta co que revelou na súa comparecencia o ex director de seguridade de Renfe Antonio Lanchares, quen asegurou que a operadora ferroviaria propuxo pór balizas nos cambios significativos de velocidade despois do sinistro de Medina del Campo, en 2008, pero que Adif e a comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF) o descartaron. "Descoñezo ese feito", indicou esta testemuña sobre esta información.

"Un dos sistemas máis seguros do mundo"

Na súa exposición esta cuarta feira, e ás preguntas do avogado do Estado, este técnico de Ineco defendeu que o español é "un dos sistemas ferroviarios máis seguros do mundo, con datos fríos estatísticos, sen ningunha subxectividade".

Pedro Luis Ruiz, na súa declaración en calidade de testemuña a proposta da Avogacía do Estado (que representa a Adif), argumentou que despois deste descarrilamento, con 80 vítimas mortais, "foron necesarios cambios normativos ou nas regras de enxeñería" para implantar as balizas que frearían ao tren Alvia antes da curva da Grandeira.

"Unha medida como esta non é fácil", alegou Ruiz, ao explicar que situar "balizas en toda a rede pode supor que interfiras con outros balizamentos, noutras funcións de seguridade".