Varios centos de persoas saen á rúa contra a xestión dos incendios por parte da Xunta

Varios centos de persoas saíron á rúa en Ourense (Imaxe: Arxina)

A plataforma 'Por un monte galego con futuro' realizou na tardiña da quinta feira concentracións en distintas localidades galegas para reclamar "políticas estruturais e non parches" ante a vaga de incendios forestais que arrasan a Galiza.

Baixo o lema de 'Lumes nunca máis', en Ourense déronse cita varios centos de persoas para mostrar o seu malestar pola xestión que realiza a Xunta de Galiza ante esta situación.

"A ninguén se lle escapa a emerxencia na que estamos, realmente isto non ten parangón histórico", dixo Anxo Pérez, do sindicato CIG, un dos organizadores. "Todos os anos repítese a mesma historia, nunca estivemos tan ameazados, nunca foron tan mal os incendios... pero a verdade é que aquí arden miles de hectáreas cada ano e non se lle pon remedio por parte da Xunta", engadiu.

Con esta aseveración, a plataforma critica "a política de sacar froito ao negocio do lume" e "non adoptar medidas estruturais que realmente impidan que sexa un mal endémico" que "acabe con aquilo do que presumimos, a Galiza verde".

Aínda que houbo mobilizacións en todo o país, a plataforma considera que as comarcas do sueste neste momento son "o epicentro" porque son as que están a soportar os maiores lumes e en concreto a comarca de Valdeorras, que segundo a cualificación dos organizadores da concentración, "está totalmente devastada".

"Hai parques naturais como o do Invernadoiro, en Vilariño de Conso, arrasado totalmente polo lume" e "falamos tamén de vivendas familiares, 80 casas, non abandonadas, de persoas que perderon todo porque o lume arrasou", "non hai medios suficientes para combater isto", lamentou o colectivo.

É por iso que critican que non se estean facendo cousas tan básicas como pedir a declaración do nivel 3, "que supoñería a participación doutras comunidades autónomas e dos mecanismos de protección civil da Unión Europea". "Nós o que expomos é partir da declaración de zona catastrófica", dixeron.

Neste mesmo sentido, piden "accións inmediatas" nas zonas queimadas para evitar a erosión futura, porque agora fálase do que se perdeu polo lume pero o chan queda erosionado e temen que coas choivas "reconducir e replantar sexa totalmente imposíbel". "Pedimos políticas estruturais, non pedimos remedios e parches que é ao que nos teñen afeitos. Galiza é unha potencia en extinción de incendios, posibelmente temos o mellor sistema do Estado español, pero non somos ninguén en prevención", lamentan.

Nesta mesma liña, apuntan que "o lume apágase no inverno e non no verán e aí non se está facendo nada". Por iso, a plataforma solicita tamén organización civil, porque, do mesmo modo que facía esta semana a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, falan dun 'Prestige interior' que necesita implicación social.

Outras concentracións

As concentracións convocadas pola plataforma repetíronse tamén noutros municipios. Así, en Santiago de Compostela, ás 20 horas, fronte ás dependencias da Xunta en San Caetano, concentráronse varios centos de persoas, entre elas o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que estaba á fronte da pancarta.

Así mesmo, tamén estiveron presentes formacións políticas como o BNG, a través do deputado Xosé Luís Rivas 'Mini' e a súa portavoz municipal, Goretti Sanmartín; e Compostela Aberta, tamén coa súa portavoz local, Marta Lois.

Antes da lectura do manifesto, as persoas participantes corearon diversas proclamas contra a política forestal da Consellaría do Medio Rural tales como 'Goberno que improvisa é o terrorista', 'Coa Xunta do PP non queda monte en pé', 'Ordena Ence, PP obedece' e 'Galiza arde, Rueda responsábel'.

Mentres tanto, en Pontevedra, tamén varios centos de persoas, entre elas representantes da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), participaron na protesta e coreado lemas como 'Lumes Forestais, nunca máis' e 'Eucalipto plantado, país esnaquizado', así como referencias á fábrica de ENCE.