España e Portugal son os Estados con máis casos de varíola do mono en Europa

A varíola do mono é máis frecuente en crianzas. (Foto: Kaspars Grinvalds)
O surto desta doenza suma xa máis de 80 casos confirmados fóra de África e volveu pór en alerta as autoridades sanitarias internacionais

O español (30 casos) e o portugués (23 casos) son os estados europeos con máis casos de varíola do mono.

O surto desta doenza suma xa máis de 80 casos confirmados fóra de África e volveu pór en alerta as autoridades sanitarias internacionais. O aumento de casos en Europa levou a Organización Mundial da Saúde (OMS) a convocar unha reunión de emerxencia para analizar a situación desta infección.

En total son oito os países europeos que xa confirmaron casos positivos (Bélxica, Francia, Italia, Suecia, Alemaña, Reino Unido, Portugal e España). Tamén se detactaron casos en Canadá, Australia e Estados Unidos de América.

O maior surto de varíola do mono en Europa

"Este é o maior e máis extenso brote de varíola do mono xamais visto en Europa", afirmaron os servizos médicos militares en Alemaña, onde esta sexta feira se confirmou o primeiro caso.  Fabian Leendertz, epidemiólogo da axencia de saúde pública estatal alemá, o Instituto Robert Koch, falou xa de "epidemia".

"Con todo, é moi pouco probábel que esta epidemia dure moito tempo. Os casos poden illarse ben mediante o rastrexo de contactos e tamén hai medicamentos e vacinas eficaces que poden utilizarse se é necesario", tranquilizou Leendertz.

"Sempre debe existir precaución"

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Estado español, Fernando Simón, manifestou que a varíola do mono "non é unha das enfermidades que ten unha transmisión importante entre humanos", pero "a precaución ten que existir sempre" e débese dar tempo a que leven a cabo as investigacións correspondentes e "valorar correctamente o risco".

O doutor Simón manifestou que a varíola do mono "é un problema de orixe africana e en Europa coñecíanse basicamente casos importados e algunha pequena transmisión local nalgún país, en concreto Reino Unido tivo nos últimos anos algúns casos importados e, a partir desas importacións parece ser que houbo unha transmisión en humanos que foi máis ampla do esperado".