Vandalizan o mural de Castelao realizado por Vía Galega en Compostela
Vía Galega, a plataforma social en defensa dos dereitos nacionais da Galiza, vén de denunciar a vandalización do mural realizado polo colectivo coa autocaricatura de Castelao e a frase "Se aínda somos galegos e por obra e gracia do idioma" en Compostela, na Rúa Campoamor.
Segundo informa plataforma nun comunicado, os estragos producíronse na madrugada desta sexta feira, 27 de xullo. "Só desde o odio a Castelao e ao noso idioma e, por tanto, ao pobo galego se explica unha actuación deste tipo. Non nos van amedrentar", lamentan desde Vía Galega.
O mural, que loce a autocaricatura de Castelao en negro ao carón da cita do autor, en azul, xunto ao distintivo de Vía Galega, na mesma cor, apareceu tinguido de vermello.
Desde a plataforma impulsora desta homenaxe artística ao escritor e debuxante, símbolo do nacionalismo galego, xa avanzaron que restaurarán o mural e continuará propagando o legado literario e artístico e o pensamento nacionalista de Castelao.
Vía Galgea tamén solicita que "se investigue a autoría destes feitos cargados de supremacismo españolista".
