A vaga de incendios deixa máis de 42.000 hectáreas calcinadas na Galiza no último mes

Ùn hidroavión participa na extinción do incendio de Boiro. (Foto: Arxina)
Na primeira metade de agosto arderon no país unhas 8.000 hectáreas.

A Galiza acumula máis de 42.000 hectáreas calcinadas nos últimos trinta días, segundo os datos facilitados pola Consellaría de Medio Rural até a última hora desta segunda feira.

Desde o pasado 14 de xullo, cando unha serie de tormentas eléctricas e as altas temperaturas provocaron medio centenar de lumes, non deixaron de reproducirse focos por todo o país. Precisamente nesa primeira fase da vaga de incendios tiveron lugar os dous maiores na historia da Galiza desde que hai rexistros: no Courel, con 11.100 hectáreas, e en Valdeorras, con 10.500 hectáreas.

Outro dos grandes lumes de xullo foi o do concello de Vilariño de Conso, na parroquia de Padroalbar, que calcinou 7.000 hectáreas e afectou notabelmente o parque natural do Invernadoiro.

O seguinte lume en maior extensión ese mes rexistrouse no termo municipal de Oímbra, con 2.100 hectáreas queimadas. Igualmente, nese concello houbo outros dous lumes en Videferre (919 hectáreas) e San Cibrao (370 hectáreas) en xullo. Oímbra volve padecer incendios durante este mes de agosto. Precisamente, un incendio calcinou a capela de Santa Ana.

8.000 hectáreas en agosto

A pesar de que o groso do terreo calcinado tivo lugar en xullo, con case 34.000 hectáreas, polo de agora xa arderon 8.000 na primeira metade de agosto, con cinco grandes incendios aínda por extinguir.

Pasadas as 20.30 horas desta segunda feira, os servizos de extinción daban por estabilizado o lume de Laza, que tras unirse co de Chandrexa de Queixa, saldouse cunha superficie arrasada de 2.100 hectáreas, segundo as estimacións provisionais.

Tamén onte quedaron extinguidos varios lumes no interior do país: no Irixo, na parroquia de San Cosmede de Cusanca, onde arderon unhas 680 hectáreas; en Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Casio, con 440 hectáreas; en Boborás, na parroquia de Astureses, con 99,4 hectáreas calcinadas; e no municipio da Gudiña, que se iniciou en Pentes, e que calcinou 76,5 hectáreas.

A Consellería do Medio Rural deu por controlado na tarde desta segunda feira o incendio de Castrelo do Val, parroquia de Campobecerros, despois de queimar unhas 175 hectáreas, segundo estimación provisional. Comezou na noite do pasado domingo en diferentes focos, polo que a Xunta indica que "todo apunta a que foi intencionado".

Está estabilizado, mais aínda descontrolado, o lume de Riós, na parroquia de Fumaces, con 103 hectáreas calcinadas, segundo a última actualización. Tamén permanece estabilizado o incendio iniciado a última hora da tarde do sábado na parroquia de Torbeo, no concello de Ribas de Sil, que queimou unhas 40 hectáreas.

Incendio en Boiro

Sobre as 20 horas da pasada sexta feira, máis dunha semana despois de que comezase na parroquia de Cures, quedou extinguido o incendio de Boiro, na comarca do Barbanza. As hectáreas arrasadas por este lume forestal ascenderon a 2.200.

O lume de Boiro, que é o maior dos rexistrados até o de agora durante o mes de agosto na Galiza, provocou a activación da alerta por proximidade das lapas ás vivendas e desaloxos, queimou o monte da Curota e estendeuse aos municipios da Pobra do Caramiñal e Ribeira.

Entre os extinguidos no mes de agosto, tamén se atopan os de Verín (600 hectáreas), Caldas de Reis (450 hectáreas), Ponte Caldelas (380 hectáreas), A Mezquita (224 hectáreas) e Maceda (120 hectáreas).