O BNG reclama á Xunta máis medios ante a acumulación de incendios

A formación nacionalista exixe que o Goberno galego active máis medios para a prevención, vixilancia e extinción dos fogos. Ademais, exixen investigar ADIF polos chispazos nas vías.
A deputada Noa Presas (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada Noa Presas (Foto: Nós Diario)

A acumulación de incendios nas últimas horas, con máis de 6.000 hectáreas ardidas até agora segundo información da Xunta da Galiza, preocupa ao BNG.

A deputada nacionalista Noa Presas expresou na quinta feira a inquedanza da súa formación diante esta situación e solicitou ao Goberno galego que actúe "con responsabilidade e con inmediatez".

Neste sentido, Presas urxiu a Xunta a "activar máis medios para a prevención, máis medios para a vixilancia e máis medios para a extinción” indicando que “vemos máis focos ao mesmo tempo e o que é clave é a rápida intervención xa que se trata de lumes de nova xeración que son moi explosivos". 

A deputada insistiu na advertencia que leva facendo o Bloque ante un mes de agosto "moi complicado", cunha seca grave "que xa está supoñendo restricións ao consumo", sen previsións de choiva e con temperaturas "de absoluto récord".

Lembrou que o BNG denunciou “que o Executivo do PP non tiña os deberes feitos en materia de prevención e de extinción de incendios, cos convenios cos concellos sen aprobar até finais de xuño", unha situación que implicou "que os traballos de roza e a constitución de brigadas, por exemplo, non podían estar operativos até entrado agosto”. 

Investigar ADIF

Após transmitir a solidariedade do BNG á veciñanza afectada en concellos como Laza, O Irixo, O Carballiño, Boborás, Boiro e As Pontes, entre outros, a deputada nacionalista tamén avanzou que, ante as últimas informacións aparecidas nos medios de comunicación que apuntan a que o incendio de Boborás podería terse orixinado polos chispazos da vía do tren, "exixiremos cando todo isto se calme unha investigación sobre se o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) está cumprindo ou non coas súas obrigas de limpeza nos perímetros das vías". 

Comentarios