A vaga de incendios sen controlar na Galiza avanza con 8.000 hectáreas arrasadas
Os fogos calcinan unhas 11.000 hectáreas no que vai de verán.
A vaga de incendios que aínda se atopan sen controlar na Galiza avanza con 8.000 hectáreas arrasadas nestes momentos -sen ter en conta os xa extinguidos-, principalmente en Ourense, que mantén declarada a Situación 2 a nivel provincial. Todo iso tras un noite que deixou evacuacións por ameaza para casas, confinamentos e varios feridos.
Este dato elévase até as 11.000 hectáreas na superficie queimada no que vai de verán na Galiza, segundo as cifras da Consellaría do Medio Rural, que só comunica datos de fogos superiores a 20 hectáreas.
🔥A vaga de incendios sen controlar na Galiza avanza con 8.000 hectáreas arrasadashttps://t.co/b4k1wJoKLR
— Nós Diario (@NosDiario) August 13, 2025
📹 UME pic.twitter.com/MYZkqvRVbZ
Segundo a última actualización da Consellaría do Medio Rural da mañá desta cuarta feira, o grande incendio de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, calcina xa 4.500 hectáreas, o peor no que vai de ano na Galiaa e perto de duplicar este só todo o queimado no país ao longo de 2024 (foron máis de 2.600 hectáreas). Tamén en Chandrexa hai outro gran incendio forestal que queima 500 hectáreas na parroquia de Parafita.
O segundo fogo sen control en entidade é o Maceda (Allariz-Maceda), parroquia de Santiso, con 1.700 hectáreas, un municipio no que o permanecen sen poder volver ás súas vivendas esta mañá da cuarta feira veciños desaloxados na Palela.
Tamén están activos os lumes nos concellos de: Oímbra, parroquia da Granxa (máis de 200 hectáreas) -municipios no que resultaron feridos con queimaduras tres bombeiros forestais-: A Mezquita, parroquia A Esculqueira (100 hectáreas) -houbo cortes na autovía A-52-; e Dozón, parroquia do Castro (300 hectáreas) --rovocou cortes na autovía e estrada que unen Santiago e Ourense-.
Mentres, a Xunta dá por estabilizado, aínda sen controlar, os incendios nos municipios de: Ourense, parroquia de Seixalbo (50 hectáreas) -provocou o corte da vía do tren por un fogo supostamente provocado polo propio tren-; Maceda, parroquia de Castro de Escuadro (450 hectáreas); Samos, parroquia de Santalla (200 hectáreas); Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos (180 hectáreas); Montederramo, parroquia de Paredes (120 hectáreas); e Vilardevós, parroquia Moialde (40 hectáreas).
Ademas, están controlados -aínda sen extinguir- os incendios de: A Fonsagrada, parroquia de Monteseiro (150 hectáreas); A Estrada, parroquia de Souto (20 hectáreas); e Verín, parroquia de Mourazos (9 hectáreas). Si quedou extinguido ás 1,42 horas da madrugada da cuarta efria o incendio de Cartella, parroquia de Anfeoz (14,6 hectáreas).
Esta cuarta feira, o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Blanco, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, atópanse facendo seguimento da vaga de incendios no Centro de Coordinación Operativa (Cecop) de Ourense.

