[VÍDEO] Os incendios en Chandrexa de Queixa continúan sen control e superan xa as 5.000 hectáreas queimadas
Medio Rural informa de 13 fogos en 11 concellos. Durante a madrugada confináronse ao redor de 500 persoas.
Os fogos seguen a bater na Galiza, con epicentro no Macizo ourensán. A Consellaría de Medio Rural fala dunha medida de 40 focos de fogos diarios ea primeiras horas desta cuarta feira hai 13 incendios forestais activos en 11 concellos. Chandrexa de Queixa (Terra de Trives) continúa a ser o concello máis afectado polos incendios. Os dous fogos que afectan este municipio seguen sen control e queimaron xa máis de 5.000 hectáreas. Segue activo desde as 15.51 horas da sexta feira o incendio forestal da parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta a arredor de 4.500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, até o momento, 15 técnicos, 58 axentes, 92 brigadas, 48 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 13 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Segundo informa o 112 Galiza esta mañá desta cuarta feira, ademais dos tres brigadistas da brigada municipal de Oímbra que sufriron queimaduras, o balance de feridos complétase con: tres persoas con queimaduras, tres persoas con traumatismos, dúas persoas con problemas respiratorios e catro persoas atendidas por crises de ansiedade.
Neste mesmo municipio está activo un incendio forestal na parroquia de Parafita, que se iniciou ás 17.45 horas da terza feira e que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 500 hectáreas, parte delas no limítrofe municipio de Manzaneda. Para a súa extinción mobilizáronse, até o momento, 3 técnicos, 8 axentes, 12 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 4 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da UME.
Desde as 03.13 horas da terza feira está activo un fogo no concello de Maceda (Allariz-Maceda), parroquia de Santiso. Este incendio, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 1.700 hectáreas, parte delas no veciño concello de Montederramo. Está estabilizado, desde as 23.37 horas do domingo, o incendio na parroquia de Castro de Escuadro, que se iniciou o sábado ás 23.19 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 450 hectáreas. Iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos, o que apunta cara unha clara intencionalidade. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 5 técnicos, 30 axentes, 53 brigadas, 37 motobombas, 6 pas, 6 helicópteros e 10 avións.
🔥VÍDEO Os incendios en Chandrexa de Queixa continúan sen control e superan xa as 5.000 hectáreas queimadashttps://t.co/bVhwsNLHoY
— Nós Diario (@NosDiario) August 13, 2025
📹 UME pic.twitter.com/C0YxXYGXBo
Permanece activo o incendio forestal do municipio de Oímbra (comarca de Verín), parroquia da Granxa, que afecta unha superficie de máis de 200 hectáreas, parte delas no veciño concello de Monterrei. O lume iniciouse ás 14.39 horas da terza feira. e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 5 técnicos, 10 axentes, 14 brigadas, 16 motobombas, 2
Desde as 09.42 horas da terza feira está activo un incendio forestal no concello da Mezquita (comarca de Viana), parroquia da Esculqueira, que afecta arredor de 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 10 axentes, 9 brigadas, 9 motobombas, 1 pa, 1 tractor, 1 helicóptero e 4 avións. Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Tamén está activo desde as 14.32 horas da terza feira o fogo do municipio de Dozón (O Deza), parroquia do Castro, que afecta unha superficie estimada de 300 hectáreas Está estabilizado, desde as 20.07 horas da terza feira, o lume do concello de Samos (comarca de Sarria), parroquia de Santalla, que se iniciou a segunda feira ás 23.27 e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 200 hectáreas
Desde as 23.37 horas da segunda está estabilizado o fogodo concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 180 hectáreas de superficie afectada. Tamén está estabilizado o incendio forestal de Montederramo, parroquia de Paredes, que afecta 120 hectáreas.
Desde as 00.51 horas desta madrugada está estabilizado o incendio forestal iniciado ás 14.14 horas da terza feira na localidade de Ourense, parroquia de Seixalbo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 50 hectáreas.

