Ingresados na Unidade de Queimados do Chuac os tres bombeiros feridos no incendio en Oímbra
Son tres mozos de entre 18 e 25 anos e un deles sufriu queimaduras en "case 60% do seu corpo".
Tres bombeiros municipais feridos tras sufrir queimaduras no incendio forestal rexistrado no concello de Oímbra (comarca de Verín) permanecen ingresados no complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac).
Así o confirmaron fontes consultadas por Europa Press que precisaron que se atopan na Unidade de Queimados dado o tipo de lesións que presentaban.
Polo momento, estase á espera de que se facilite o parte médico en relación ao seu estado e evolución tras sufrir queimaduras cando participaban como voluntarios para colaborar nos labores de extinción do lume.
Son tres mozos de entre 18 e 25 anos. En declaracións aos medios no Centro de Coordinación Central, en Santiago, o titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, sinalou que o máis grave é un mozo de 18 anos que permanece ingresado na Unidade de Queimados do CHUAC con queimaduras en "case o 60% do seu corpo".
Fontes hospitalarias confirmaron que os outros dous bombeiros, de 23 e 25 anos, tamén continúan ingresados no centro hospitalario coruñés con prognóstico grave por queimaduras de terceiro grao no 15% da superficie corporal, así como por intoxicación por inhalación de fume.
Ademais, Alfonso Rueda confirmou que un bombeiro da Xunta tamén resultou ferido eesta terza feira por un accidente cun dos vehículos de extinción e sinalou que "evoluciona favorablemente".
Segundo informa o 112 Galiza esta mañá desta cuarta feira, ademais dos tres brigadistas da brigada municipal de Oímbra que sufriron queimaduras, o balance de feridos complétase con: tres persoas con queimaduras, tres persoas con traumatismos, dúas persoas con problemas respiratorios e catro persoas atendidas por crises de ansiedade.
