Un ano de Covid-19: A vacina contra o virus da desinformación

Imaxes do especial sobre a Covid-19. (Foto: Nós Diario)

SARS-CoV-2, coronavirus, Covid-19, PCR, antíxeno, desconfinamento, corentena, estado de alarma, repunta, surto, inmunidade, letalidade, distanciamento social... Hai un ano estas palabras comezaban a aparecer nas páxinas de Nós Diario, mais non só estabamos ante o uso de léxico que até ese momento apenas se empregaba. Atopabámonos perante unha nova realidade que tamén mudou a forma de facer xornalismo, hoxe practicamente en remoto.

A desinformación é, desde hai un ano, aínda máis perigosa, pois pode pór en risco as nosas vidas. Aqueles foron días de mensaxes de What'sApp que rebotaban amizades e familia. Tamén de informacións contraditorias, e de clamorosos silencios, por parte das Administracións.

Na psicoloxía, a incerteza redúcese con información, mais no xornalismo abunda a desinformación, o barullo de datos, a urxencia, a tentativa de axentes externos de influír na opinión pública... Estabamos perante o caldo de cultivo perfecto debido ás preocupacións máis básicas das persoas.

Se practicar o xornalismo non é doado, a Covid-19 dificultou máis a tarefa. Á loita contra o exceso de información sumouse a dificultade para acceder aos datos oficiais e sumáronse tamén as mudanzas propias dos tempos incertos que nos tocaron vivir. Máscaras si, máscaras non. Aerosois si, aerosois non. Fómites si, fómites non... E nas augas tocounos vogar, con apenas dous meses de rodaxe de Nós Diario.

"Traducir" a realidade

Esforzámonos por adaptarnos a unha realidade complexa en que tiñamos que "traducirlles" ás lectoras e lectores toda unha serie de información da que apenas coñeciamos nada. O simple feito de descifrar os datos fornecidos polas institucións públicas semellaba unha misión imposíbel, mais afanámonos en facelo con rigor, contrastando os feitos e desbotando as especulacións e o sensacionalismo.

Tratamos de desmontar as "verdades absolutas" e a propaganda que nos vendían os Gobernos con datos útiles, prácticos e con contexto. Lonxe dun xornalismo de faladoiros, onde tanto se opina sobre o partido de fútbol da pasada noite como da descarbonización, apoiámonos ao longo de todo este ano nas opinións de persoas expertas de recoñecido prestixio e este é o espírito da publicación que vas ter este sábado entre as mans.

Ademais de publicarmos reportaxes e entrevistas da propia redacción, quixemos contar co coñecemento das persoas especialistas en diversos aspectos da pandemia e, sobre todo, desde un punto de vista sanitario. Os seus nomes viaxaron connosco nas páxinas de Nós Diario para esclarecer unha realidade volátil difícil de comprender e agora buscan explicar o impacto da Covid-19 desde as súas distintas perspectivas e nos seus respectivos ámbitos, en maior ou menor medida, vinculados coa sanidade.

Así, a psiquiatra do Sergas Iria Veiga analiza as consecuencias da Covid-19 na saúde mental; Sonia Villapol, neurocientífica galega, profesora no Texas Medical Center en Houston (Texas) e membro do equipo de investigación internacional da Covid e mais o psicopedagogo Guillerme Rodríguez expón as secuelas persistentes da enfermidade, mentres que Daniel González, bioinformático e profesor de Enxeñaría Informática da Uvigo debulla a importancia dos datos epidemiolóxicos e do acceso á información. Un tema que tamén trata o médico especialista en Análises Clínicas Luis Vázquez.

O epidemiólogo Francisco Vizoso, quen fora xefe de Medicina Preventiva no Complexo Hospitalario de Pontevedra, estuda os datos que deixa a Covid-19 nas residencias de maiores, mentres que o médico de Atención Primaria e portavoz de SOS Sanidade Pública Xosé Dios pon de manifesto o papel dos centros de saúde e da atención máis próxima á cidadanía na estratexia da loita contra a pandemia. Na mesma liña participan as Enfermeiras Eventuais en Loita.

Unha das voces máis referenciais da epidemioloxía, Juan Gestal, catedrático emérito de Medicina Preventiva na USC, escribe sobre a importancia da saúde pública como factor chave contra o coronavirus, mentres que o doutor en Matemáticas e profesor da Uvigo Iván Area expón a capacidade de predición dos modelos matemáticos. Ademais, María Mayán, coordinadora do grupo de investigación CellCom do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, pon negro sobre branco na situación da I+D+i na Galiza. Antonio Salas, profesor de Medicina da USC e experto en xenética, explica o papel dos supercontaxiadores na incidencia da Covid-19.

Entrevista co conselleiro

Tamén entrevistamos o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a catedrática de Farmacoloxía e referencia da ciencia na Galiza Mabel Loza, e o enfermeiro da UCI Hugo Babarro, quen en abril de 2020 transmitía a Nós Diario a súa vivencia na primeira liña de atención ás persoas máis gravemente afectadas pola Covid-19. Un ano despois, continuamos traballando por dotar de máis transparencia a xestión da pandemia. Acreditamos para iso na vacina contra a desinformación: un xornalismo independente.

[O especial de 56 páxinas sobre o primeiro aniversario da Covid-19 acompañará Nós Diario este sábado, 13 de marzo. Todo por só 3 euros. Resérvao canto antes no teu quiosque. Contribúe a facer posíbel un xornalismo de calidade e independente nesta ligazón]