martes 31.03.2020

Investigación e coñecemento: o coronavirus mostra as carencias en ciencia

A crise do coronavirus virou toda a atención cara á ciencia. A urxencia dunha vacina capaz de frear o avance da COVID-19 sitúa a comunidade científica no punto de mira. Mais as investigadoras advirten dos tempos da ciencia e das necesidades de financiamento, talento e estabilidade para gozar dun sistema autónomo e capaz. Na Galiza, critican recortes e a precariedade.
O colectivo investigador da Galiza reclama unha carreira profesional para gañar estabilidade e acabar coa precariedade.
O colectivo investigador da Galiza reclama unha carreira profesional para gañar estabilidade e acabar coa precariedade.

Na Galiza non temos ningún grupo de investigación especializado no estudo de coronavirus e en todo o Estado cóntanse cos dedos dunha man. "Non é casual", explica a Nós Diario María Mayán, investigadora e xefa do grupo CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic). "É o resultado dunha política científica baseada nun investimento moi baixo e en recortes continuados desde o comezo da crise en 2008".

España destina a Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i) 1,2% do seu Produto Interior Bruto (PIB) fronte a case 3% do resto de Europa. Na Galiza, o investimento non alcanza 1%. Segundo os últimos datos rexistrados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o esforzo interno dedicado á ciencia é de 0’94%.

"Unha vez máis a ciencia creadora de riqueza e de forza vingouse dos que a descoñecen e menosprezan".

Para María Mayan, vivimos tempos e circunstancias moi parecidas ás que Santiago Ramón y Cajal denunciou xa en 1889 con estas palabras: "Unha vez máis a ciencia creadora de riqueza e de forza vingouse dos que a descoñecen e menosprezan".

"Nin na Galiza nin no resto do Estado saben por que se debe investir en I+D+i e na xeración de coñecemento básico. Non cren que sexa necesario. É máis, consideran que se trata dun luxo". Mais non é tal, asegura. O exemplo, di, témolo en países líderes en desenvolvemento científico, creadores de produción e riqueza, Corea do Sur, Xapón, Israel, Alemaña, Estados Unidos. 

A ciencia, intocábel

"Nestes territorios o peto da ciencia é intocábel. Contan con pactos de Estado que protexen esta partida e que mesmo chaman a reforzala en época de crise. Así, durante os últimos anos, mentres Alemaña incrementou o seu orzamento 40%, España reduciuno 12%", sinala. De media, na última década, Europa aumentou o investimento en I+D+i 20%, sen que Galiza nin o resto do Estado contribuísen a esa suba. Ao contrario.

A investigadora do Inibic convida as responsábeis das Administracións galega e estatal a fixarse no exemplo de Corea do Sur e Israel, dous dos países con maior capacidade, infraestrutura e talento investigador. "Israel inviste en ciencia perto de 4,5% do seu PIB. Unha das súas fortalezas é o  Instituto Weizmann, que conta con sete dos 25 medicamentos máis vendidos no mundo. Na actualidade, só este centro obtén 30.000 millóns de euros de beneficios. E só a partir da ciencia", recalca.

"Un só instituto, o Weizmann, obtén 30.000 millóns de euros de beneficios. E só a partir da ciencia".

O outro modelo, tamén o é a respecto da xestión do coronavirus. Corea do Sur converteuse nun dos primeiros territorios en lograr aplanar a curva de incidencia do SARS-CoV-2. "En dez anos, duplicou o orzamento (de 2 a 4% do PIB) destinado á ciencia. A súa aposta pola educación e a investigación permitiulle acceder ao club dos países máis ricos do mundo. E agora, demostra a súa eficiencia contra o coronavirus", engade.

Reaccionou tarde pero fíxoo ben, explica Mayán, porque dispón dos recursos necesarios, "de infraestrutura e persoal investigador competitivo". Outra proba máis, indica, é a compra masiva que acaba de anunciar o Estado de probas rápidas de diagnóstico. "Vaillas mercar a Corea, xerando postos de traballo e riqueza nese país".

Coñecemento básico

Esa riqueza científica, defende Ángel García, investigador principal do CiMUS, o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela, e profesor de Farmacoloxía da mesma institución, depende necesariamente do investimento en ciencia e  investigación. "Con maiúsculas", insiste. 

"Só a ciencia, a investigación e a xeración de coñecemento nos van permitir saír desta, e se non aprendemos a lección, seguiremos sen estar preparadas para reaccionar con máis e mellores recursos ante outra situación similar que se poida dar no futuro". 

"As solucións inmediatas non se dan sen coñecemento previo".

No ámbito da Biomedicina, sostén o profesor García, o coñecemento é un piar fundamental, que nin sequera ante a crise sanitaria do coronavirus se antolla suficiente. "As solucións inmediatas non se dan sen coñecemento previo. De súpeto, todo o mundo se lembra da ciencia. Urxe unha vacina. Pero estámoslle pedindo demasiado en moi pouco tempo. A ciencia non funciona así", aclara.

Nin con todo o que se sabe en materia de viroloxía, inmunoloxía ou farmacoloxía resulta doado dar cunha vacina eficaz nun prazo tan breve, explica. "É complicado, e malia a todos os esforzos que se están facendo, non vai ser cousa dun mes, e a ver se dun ano; de aí todas as outras axudas que se están probando para frear o coronavirus".

Ángel García refírese a diferentes fármacos e antivirais dispoñíbeis no mercado, indicados para outras enfermidades  como a malaria ou virus como o do VIH, que se están usando con pacientes de COVID-19; ademais doutros ensaios experimentais que comezan a probar a eficacia de posíbeis vacinas en persoas.

Solucións propias

Con todo, destaca, ningunha destas experiencias sería posíbel sen ciencia básica, a encargada de xerar o coñecemento esencial no que se van amparar novas investigacións. "Só se pensa na ciencia aplicada, de réditos rápidos, e descártase a ciencia fundamental, a do coñecemento". A que alenta a curiosidade, engade María Mayán.

Ambos investigadores concordan. A ciencia básica non interesa, mais é a única que pode garantir un sistema científico propio e produtivo, capaz de propoñer solucións novas sen necesidade de traelas de fóra.

"A ciencia básica é a única que pode garantir un sistema científico propio e produtivo".

"A crise do coronavirus é unha cura de humildade, un baño de realidade brutal, para a sociedade e para as responsábeis políticas", mantén o investigador do CiMUS. "A experiencia faime ser escéptico, porque xa no pasado se falou da necesidade de mudar o modelo produtivo e de garantir o investimento en I+D+i, co fin de reforzar o noso tecido científico", mais non se adoptaron medidas contundentes, salienta.

O panorama actual, coinciden os investigadores, demostra que non se cre na ciencia, porque falla o financiamento, a captación de talento e a estabilidade do persoal científico.

Carreira profesional

Investigadoras de toda Galiza acaban de acordar a creación de Investigal, a Rede Galega da Investigación, un espazo compartido desde o que reivindican unha carreira investigadora estábel, profesional e dotada de recursos.

"A ciencia revelouse fundamental estes días", explica Adrián Cordido, investigador predoutoral no Laboratorio de Nefroloxía do Hospital Clínico de Santiago. "E na Galiza, o investimento en I+D+i non fai máis que baixar", salienta. Con todo, di, a resposta da comunidade investigadora está sendo exemplar. Neste sentido, Zulema Varela, investigadora posdoutoral, reclama unha carreira profesional continuada e un pacto pola ciencia que comprometa Administracións, Universidades e Investigadoras.

Investimento, estabilidade e carreira profesional. Son demandas urxentes e necesarias para atallar a precariedade, indica Juan Vallejo, da área de Microbioloxía do Inibic. "Temos grandes esperanzas depositadas no futuro convenio das investigadoras hospitalarias da Galiza", un avance transversal co que buscan darlle valor e profesionalizar a investigación sanitaria, así como ao resto da produción científica que se fai no país.

comentarios