UXT móstrase a favor dos proxectos eólicos e pide para eles "seguridade xurídica"

Parque eólico na serra do Candán. (Foto: Arxina)
UXT urxiu “seguridade xurídica” para os proxectos eólicos xa que poden traer "importantes retornos" para a Galiza.

A Federación de Industria, Construción e Agro da Unión Xeral de Traballadores (UXT) apoiou esta sexta feira os proxectos eólicos na Galiza, asegurando que o acceso a enerxía "local e de baixo custo" é a "garantía" para un desenvolvemento industrial "sólido e sostíbel" que leve en paralelo “emprego de calidade”.

Así o sinalou a organización sindical nun comunicado, en que destacou que xa existen empresas implantadas no país cun alto consumo enerxético cuxa competitividade depende do desenvolvemento da eólica, así como proxectos industriais de futuro cuxo asentamento definitivo tamén depende deste sector.

Por iso, UXT urxiu “seguridade xurídica” para os proxectos eólicos xa que poden traer "importantes retornos" para a Galiza.

"Só así, converténdose Galiza nun polo enerxético baseado en enerxías limpas e sostíbeis como a eólica, garantirase un futuro industrial sólido, , solvente e con garantías de emprego de calidade", reivindicou UXT.

O sindicado lembrou que ademais das necesidades empresariais, a aposta pola enerxía eólica vén dada por unha necesidade de cumprimento dos obxectivos ambientais.

“O tren da eólica”

"Galiza non pode perder o tren da eólica e debe saber integrar esta enerxía no desenvolvemento da súa economía", engadiu a organización, que asegura que unha parálise dos proxectos en marcha "pode supor para o país a perda do liderado industrial neste sector e miles de empregos".

Para UXT esta aposta “non é incompatíbel” coa integración social dos proxectos e co respecto ambiental, xa que os procesos para conseguir a autorización para a construción dun parque eólico son "longos" e hai que cumprir "moitos requisitos".

"Non pode ser que, despois de pasar todos os protocolos, se xere unha situación de inseguridade xurídica que deixe nas pavías estes proxectos", sentenciou o sindicato.