Nace RUGE, a organización xuvenil de UXT na Galiza

Á súa fronte estará David Diéguez, e o resto da Executiva estará formada por Olaya González, Daniel González, Alejandro Sánchez e María Romero.
RUGE é a nova organización para a mocidade agrupada en UXT-Galiza. (Foto: UXT)
photo_camera RUGE é a nova organización para a mocidade agrupada en UXT-Galiza. (Foto: UXT)

As afiliadas e afiliados a UXT na Galiza menores de 35 anos terán a partir de agora unha organización xuvenil propia. Trátase de RUGE, constituída esta cuarta feira na sede do sindicato en Santiago de Compostela. Á súa fronte estará David Diéguez, e o resto da Executiva estará formada por Olaya González, Daniel González, Alejandro Sánchez e María Romero.

A súa sesión constitutiva reuniu mozos e mozas procedentes de diferentes puntos do país que, de forma paralela, participaron de obradoiros formativos co obxectivo de "adquirir as armas necesarias para acometer a acción sindical" desde as idades máis temperás, a fin de "dar resposta ás problemáticas ás que se enfrontan tanto no eido laboral como noutros ámbitos do seu día a día".

O labor de RUGE, segundo informan desde o sindicato, centrarase nas seguintes liñas de traballo: a formación sindical dos máis mozos do sindicato; formación no eido laboral, para a mellora da empregabilidade; a loita pola igualdade; a loita contra a violencia de xénero; a defensa dos dereitos laborais dos máis mozos; integración laboral dos colectivos máis desfavorecidos; orientación profesional, ou prevención de drogodependencias e outras adiccións no eido laboral, entre outras materias.

No eido laboral, concretamente, os retos son "moitos", aseguran, pois, "a pesar de que a reforma laboral mellorou, e moito, o noso mercado de traballo, mellorando tamén as condicións dos máis mozos, aínda hai moitas eivas". E neste senso salientan que "a taxa de desemprego está para este colectivo na Galiza en 16,6%; a taxa de actividade, en 58,12%, e a fenda salarial con respecto ao conxunto de idades, en 20,5%".

"En canto á temporalidade, hai que salientar que esta continúa pero este indicador mellorou, e moito, grazas á reforma laboral. De feito, se antes da entrada en vigor desta normativa a contratación indefinida entre os máis mozos non superaba 6%, agora xa está en 34%. Isto evidencia que este é o camiño, o do diálogo e a concertación, para chegar a novos acordos que vaian na liña da mellora do mercado laboral en xeral e tamén dos máis mozos. E aí estará UGT-Galiza e, por suposto, RUGE", engaden.

O obxectivo é que esta entidade funcione como unha organización xuvenil "que traballe para os máis mozos e que lle diga ao sindicato que pensa e que quere". "Será unha organización que estará nos centros de traballo acompañando aos máis mozos, defendendo os seus dereitos e vixiando as súas condicións laborais. Pero tamén vai ser unha organización que estea nos problemas e conflitos sociais que afecten a este sector da poboación para analizar, facer achegas e loitar polos seus dereitos".

"En definitiva, trátase de escoitar ás xeracións máis mozas e dar espazo ás novas formas de entender o sindicalismo que nacen nelas. Hai que adaptarse ás novas demandas dunha sociedade cambiante, revitalizando os espazos de construción colectiva", conclúen desde a organización.

Comentarios