Urxen mudar o "obsoleto" Plan Sectorial Eólico da Galiza

Parque eólico operado por Naturgy no concello da Pastoriza (Foto: Europa Press).
Ecoloxistas denuncian que o modelo actual "favorece as empresas", e acusan o Goberno galego de "recurtar as garantías dos espazos protexidos" para facilitar o inzamento de parques eólicos no territorio.

Segundo datos da Asociación Empresarial Eólica, Galiza situouse ao remate de 2020 como o cuarto territorio do Estado con maior potencia eléctrica instalada, 3.829 megawatts (MW), a través de 186 parques. Aliás, como xa informou recentemente Nós Diario, outros 10.000 MW atópanse en estado de tramitación. Estes proxectos regúlanse con base no Plan sectorial eólico aprobado en 1997 e modificado en 2002, un documento que os colectivos ecoloxistas e as plataformas veciñais que se opoñen ao inzamento masivo destes parques consideran "obsoleto".

"A planificación non se artellou atendendo ás directivas europeas. Cómpre facer unha Avaliación Ambiental Estratéxica para estudar o impacto dos parques eólicos no país como un todo, e non como pequenos proxectos fragmentados", argumenta, en conversa con Nós Diario, o secretario técnico da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Fins Eirexas.

Neste senso, afirma que en 2004 "xa estaba repartido todo o territorio para as grandes compañías eléctricas", e salienta que Galiza é "un dos territorios que dispón de menor protección contra os eólicos", xa que os espazos da Rede Natura 2000 son os únicos non susceptíbeis de se converter en estacións desta enerxía renovábel.

Esta norma entrou en vigor hai apenas unha década coa aprobación da Lei 8/2009, "cando xa se construíran parques en espazos protexidos", censura Eirexas. "Temos a Rede Natura 2000 máis ridícula do Estado, apenas se protexe 10% do territorio e o PP non quixo desenvolver as ferramentas de xestión necesarias para estes espazos", di.

Outra das cuestións sobre as que as e os ambientalistas poñen o foco é o distanciamento de 500 metros estabelecido entre os aeroxeradores e os núcleos de poboación. "Os muíños hoxe son moito máis grandes que daquela, chegando aos 200 metros de altura. As persoas expertas aconsellan distancialos a dous quilómetros, fíxose unha proba piloto co parque eólico de Ourol e a veciñanza asegura que o ruído segue a ser enorme", sinala a este xornal Alberto Riveiro, portavoz de Ecoloxistas en Acción, organización que nesta cuarta feira publicou un manifesto de rexeitamento á actual planificación eólica.

"No sector eólico impera a lei da selva"

Ambos os dous expertos na conservación do medio defenden a "descarbonización progresiva" e a "transición enerxética" da man das renovábeis, mais critican o modelo actual: "O IBEX 35 non pode marcar o paso das enerxías", di Riveiro. "A economía circular e os compromisos ecolóxicos son unha nova escusa da Xunta para agochar os seus intereses empresariais", engade Eirexas.

O secretario de Adega cre que no sector da enerxía eólica impera "a lei da selva" por mor da "falta de regulación". "Primeiro a 'Lei de Depredación' e agora a Lei de simplificación administrativa buscan pasar por riba da lexislación ambiental e recortar as garantías dos espazos protexidos", sostén.

Para el, a aprobación destes textos lexislativos tería como fin "facer Galiza máis atractiva" para o sector eólico. "Xa exportamos un terzo da enerxía producida, de verdade precisamos máis?", reflexiona.

Na mesma liña apunta Riveiro, que pon o foco na recente redución dos prazos de emisión de informes administrativos a tres meses e do prazo para presentar alegacións a 30 días, "mentres noutros lugares como Asturies é do triplo". "Non é doado preparar toda a documentación en tan pouco tempo", sentencia, e asegura que moitos estudos de impacto ambiental aprobados pola Xunta "obvian a presenza de especies ameazadas, como é o caso da píntega rabilonga ou o furapresas no complexo que proxectan en Lalín".

Pola súa banda, Eirexas adianta que Adega está a artellar un recurso contencioso-administrativo por mor das "dificultades de acceso" á información pública sobre os proxectos eólicos e os informes ambientais realizados ao respecto. "Acudimos á vía xudicial porque non queda outra opción", afirma.

Precisamente a falta de participación cidadá é unha cuestión da que vén advertindo o Observatorio Eólico da Galiza, que recentemente denunciou que a veciñanza dos lugares afectados "carece de poder de decisión e a súa participación limítase a meros trámites".

Charla informativa sobre a planificación eólica

Noutra orde, o BNG presentou na cuarta feira a charla-coloquio Por un Plan eólico público, xusto e sustentábel, e que xere riqueza no territorio. Non ao espolio eléctrico, que decorrerá mañá ás 20 horas no Teatro Principal de Pontevedra coa participación dos deputados Luís Bará e Noa Presas.

O responsábel comarcal do Bloque, Demetrio Gómez, salientou o apoio da súa formación ás enerxías renovábeis "porque estamos diante dunha oportunidade histórica para o desenvolvemento económico, industrial, tecnolóxico, social e ambiental do noso país".

Con todo, Gómez lamentou que a Xunta estea "do lado das multinacionais, cuxo único obxectivo é mellorar a súa conta de beneficios". "E faino cunha lexislación obsoleta ou, cando lexisla de novo, faino contra o territorio", matizou.