Urxen medidas contra a expansión do xabaril: "O control poboacional non está a funcionar"

Exemplar de xabaril no monte. (Foto: Xunta da Galiza).

Os xabarís causan até 10 accidentes de tráfico ao día e cuantiosos danos aos cultivos, segundo organizacións agrarias e ambientalistas, que desbotan a caza como solución.

Entidades animalistas e do sector agrario urxen á Xunta da Galiza medidas para abordar a presenza de xabarís en zonas urbanas e periurbanas, previr posíbeis accidentes como o que custou a vida a dous mozos en Chantada, así como os danos que ocasionan no rural. "O control poboacional non está a funcionar", asegurou a Europa Press o responsábel de fauna salvaxe de Unións Agrarias, Jacobo Feijóo.

Segundo denunciaron tamén algúns concellos, cada vez é máis frecuente a presenza destes animais en vías urbanas, como foi o caso hai unhas semanas nos accesos á cidade herculina; en Ourense ou en parques e zonas verdes como ocorreu en Oleiros (A Coruña), con danos materiais, aínda que non persoais.

Desde a organización animalista Fundación Franz Weber (FFW), o seu portavoz Rubén Pérez, afirma que estes "paseos" obedecen ao "acceso a alimentación fácil, a través do lixo depositado en colectores abertos". "En lugar de buscar en bosques de monocultivo, cuxa calidade é cada vez máis baixa e non ofrece resposta aos animais", sen desprezar o impacto da falta de recursos hídricos.

A noite, máis segura

Os expertos aluden á "seguridade nocturna". As horas de menos tránsito de vehículos ou peóns, "ofrécelles espazos máis seguros que o monte, principalmente en temporada de caza". "As franxas de seguridade con respecto a zonas prohibidas para a caza pasaron de 200 metros a 100, reducindo estas extensións onde se refuxiaban animais", apostila Pérez.

Para o representante de FWW, "a caza non é nin foi unha solución e as probas demóstrano: seguen realizando incursións os xabarís e estabelécense as batidas como unha medida de moi sinxela autorización e pouco impacto para a Xunta".

Alternativas á caza

Como posíbeis solucións, desde esta organización expoñen facilitar espazos públicos menos atractivos para a fauna silvestre, "como podería ser a substitución de zonas verdes pola xeroxardinería" e "adaptar o resto de parques a medidas disuasorias como valados e no caso de cultivos, incluír sistemas de reacción eléctrica (pastores), olfativa (disuasores por cheiro) ou captura e traslado".

Tamén  apuntan a posíbel implantación na Galiza de proxectos en marcha noutros lugares como "a esterilización de animais silvestres, que deron bos resultados noutras especies e que no caso do xabaril funciona no Parque Natural da Serra de Collserola (Barcelona)".

A iso, suman xeneralizar as axudas para instalar métodos  preventivos en agricultura, e dar resposta áxil a pagos compensatorios. "Agora os fondos son insuficientes e de cando en cando cobran todas as perdas", engade Rubén Pérez.

Desde Unións Agrarias, Jacobo Feijóo coincide en que nas áreas urbanas os xabarís "carecen de inimigos naturais, teñen alimento alternativo e refuxio, especialmente en solares e áreas periurbanas con presenza de abandono e matogueira".

Danos no rural

Con todo, incide en que "o máis relevante son os danos que producen nos cultivos e na seguridade viaria das estradas rurais". Na Galiza, concreta, "producen xa 10 accidentes de tráfico ao día e cuantiosos danos aos cultivos".

"Falamos de case 4.000 ao ano, o cal é un serio problema de seguridade viaria no rural". Xunto a isto, alude a "os 12 millóns de euros de danos directos aos cultivos, fundamentalmente millo forraxeiro, pasto e outras producións como pataca, horta, castañas ou viñedo". Por todo iso, recalca que "hai que mellorar as liñas de axuda e diminuír a burocracia". Así, aínda que destaca a mellora na coordinación, afirma que as indemnizacións son "insuficientes".

Transmisión de enfermidades

Mentres, defende "ampliar o uso de gaiolas para captura de mandas de xabarís que entran nos cultivos de forma reiterada", tamén nas zonas urbanas e periurbanas. "Poden ser de moita utilidade, de forma complementaria á caza", unha ferramenta di, "de xestión insubstituíble para o control de especies como o xabaril".

"Ademais de seren vectores de transmisión de enfermidades contaxiosas á cabana gandeira galega, hai unha moi seria preocupación de que a falta de xestión das súas poboacións, poida expandir a peste porcina africana, o que tería un impacto demoledor no sector".

Respecto das actuais medidas de control, expón que no que se refire á poboacional a Xunta "apóiase exclusivamente na caza". "Abátense uns 17.000 xabarís ao ano na Galiza na temporada hábil de caza, mediante caza regulada". Con todo, indica que "non está a funcionar xa que, a pesar da caza, a especie está en clara expansión".

Maior colaboración

Pola súa banda, a Consellaría de Medio Ambiente insiste na "necesaria colaboración dos concellos nas medidas informativas e preventivas de xestión da biomasa forestal e de control de zonas de maleza incontroladas que son idóneas para a cría, o encame e o asentamento dos xabarís, moitas veces preto de zonas de produción agrícola e de zonas urbanas e periurbanas".

En canto ás medidas xa en marcha, remítese ao grupo de traballo multidisciplinar constituído desde hai varios anos e ás xa adoptadas como mellorar a sinalización nas estradas; o estabelecemento de pasos de fauna acondicionados para os xabarís que eviten a invasión das estradas, así como o reforzo dos peches das autoestradas.

"Tamén se está traballando coa Federación Galega de Caza na mellora da planificación das batidas para dirixir aos animais cara ás zonas máis afastadas das vías de alta capacidade", precisa a Xunta que asegura que non se traballa só no control cinexético senón tamén nunha posible superpoboación para "eliminar ou minimizar" posíbeis danos.