Unanimidade no Parlamento para instar, de novo, o Goberno estatal a baixar ao 'Vila de Pitanxo'

Imaxe de arquivo dunha comisión parlamentaria (Foto: Parlamento da Galiza).
A iniciativa foi apoiada por todos os grupos da Cámara galega, do mesmo modo que ocorreu a vez anterior cunha proposición similar.

A Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento da Galiza aprobou esta terza feira por unanimidade unha proposición non de lei para instar a Xunta a que pida ao Goberno español que poña en macha unha operación de traballo subacuático que permita localizar o pesqueiro galego Vila de Pitanxo, que naufragou o pasado 15 de febreiro en augas de Terranova (Canadá).

Esta iniciativa foi apoiada por todos os grupos da Cámara galega, do mesmo modo que ocorreu a vez anterior cunha proposición similar.

Foi o deputado Manuel Santos (PP) o encargado de expor esta petición, lembrando precisamente que en xuño o Parlamento aprobou unha iniciativa que incluía o mandato expreso ao Executivo estatal de baixar ao barco.

Con todo, criticou as "continuas contradicións" dos responsábeis do Goberno español e a "falta de transparencia, comunicación e sensibilidade" coas familias das vítimas, que incrementa o seu "sufrimento e incerteza". Ademais, lamentou que esta operación debeu terse feito antes.

Na mesma liña falou María do Carme González (BNG), quen subliñou o "abandono" do Executivo de Pedro Sánchez ante a petición dos familiares de que se investigue o que ocorreu naquela madrugada do 15 de febreiro.

"O posíbel e o imposíbel"

González, do mesmo modo que Santos, cargou directamente contra o presidente, indicando que "esqueceu" a promesa que fixo o día da chegada dos sobreviventes ao Estado español ás familias de que faría "o posíbel e imposíbel" para retomar a procura dos desaparecidos.

Pola súa parte, desde o PSdeG, Patricia Otero apoiou tamén a iniciativa pondo en valor a importancia de baixar ao pecio para investigar as causas de naufraxio e esclarecer os feitos. "O diñeiro non pode ser un problema. Custe o que custe ten que facerse", reivindicou.