Unai Sordo (CCOO) defende a continuidade de Ence na ría de Pontevedra

O secretario xeral de CCOO, Unai Sordo (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
"Nestas situacións nós mollámonos e todas as institucións teñen que facer o propio", declarou Sordo, que defende facer "compatíbel" o cumprimento das normativas ambientais coa actividade produtiva.

O secretario xeral de Comisións Obreiras (CCOO), Unai Sordo, visitou esta cuarta feira a factoría de Ence en Pontevedra para trasladar o seu apoio "incondicional" á "continuidade da actividade" da fábrica en Lourizán.

"Nestas situacións nós mollámonos e todas as institucións teñen que facer o propio", declarou Sordo, que defende facer "compatíbel" o cumprimento das normativas ambientais coa actividade produtiva e a creación de emprego, á vez que criticou que nestes temas os Gobernos "se escuden e se poñan de perfil".

Sordo estivo acompañado nesta visita da secretaria xeral de Comisións Obreiras na Galiza, Amelia Pérez Álvarez e a responsábel deste sindicato en Pontevedra, Pilar Mosquera.

Na visita á fábrica Unai Sordo tamén tivo a compaña de directivos de Ence. A continuación, reuniuse cos comités de empresa da fábrica e das súas oficinas, nos que Comisións Obreiras ten maioría de representantes.

A presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence, Ana Cedeira, insistiu en que "non hai opción ao traslado". "Se hai unha sentenza favorábel quedamos, se hai unha sentenza desfavorábel a empresa fecha", aseverou.

Prórroga ilegal da concesión a Ence

Este apoio do líder de CCOO á continuidade de Ence chega malia a contestación social contra o emprazamento desta empresa na ría de Pontevedra e pouco máis dun ano despois de que a Audiencia Nacional considerase ilegal a prórroga da concesión a Ence concedido polo Goberno de Mariano Raxoi.

En concreto, a prórroga era relativa á ocupación dunha superficie de 373.524 metros cadrados de dominio público marítimo terrestre con destino a esta fábrica de pasta de celulosa que se atopa nos terreos de Lourizán (Pontevedra).