Rueda defende a permanencia de Ence na ría de Pontevedra baixo o pretexto dos "efectos colaterais" da súa marcha

O Tribunal Supremo aínda non se pronunciou sobre a legalidade da prórroga da concesión dos terreos que ocupa a fábrica de Ence en Lourizán.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita á Papeleira de Brandia. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita á Papeleira de Brandia. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, defendeu esta cuarta feira a permanencia da fábrica pasteira que Ence ten en Lourizán, ao carón da ría de Pontevedra, baixo o pretexto dos "efectos colaterais" que o feche da planta suporía para outras empresas.

Rueda puxo de exemplo a Papeleira de Brandia, en Santiago de Compostela. "Veríase moi afectada se se conseguise o obxectivo no que moitos se empeñan. Aquí hai un bo exemplo de que todo está interconectado, de como as decisións que se toman teñen consecuencias", sostivo o presidente galego durante unha visita a esta factoría.

As declaracións do presidente do Executivo galego teñen lugar días despois de que se cumprise o 20 aniversario dunha sentenza que condenou seis directivos de Ence por delito ecolóxico continuado. "De non ser por aquela denuncia", lembrou o presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa, sobre o xuízo en novembro de 2002 na Audiencia Provincial de Pontevedra, "non chegariamos onde estamos".

Dúas décadas despois, Antón Masa destacou que "máis aló de que Ence contamine ou non, quedou probado que non pode permanecer en dominio público marítimo-terrestre, como ditaminou a Audiencia Nacional", algo que o Tribunal Supremo "ten que ratificar", confiou. Con todo, Masa advertiu que "Ence ten os brazos longos" e, aínda que desde a APDR confían na xustiza, non se "fían" dela.

Situación actual da pasteira

O pasado mes de setembro, a sala terceira do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo ditou unha providencia pola que acordaba o adiamento da votación sobre a legalidade da prórroga da concesión dos terreos que ocupa a fábrica de Ence na ría de Pontevedra.

O tribunal fixara a votación dos recursos presentados para o día 4 de outubro, mais nesta providencia, emitida o pasado 6 de setembro, explícase que a votación foi aprazada e aínda non hai nova data para abordar a situación. O motivo, segundo explicou este órgano xudicial, é que aínda está en fase de tramitación outro recurso, "de contido semellante", e considera que debería sinalarse para un único día a votación e fallo dos dous recursos.

A cita do 4 de outubro estaba prevista para revisar o recurso de casación presentado pola propia empresa, os traballadores, a Autoridade Portuaria de Marín e dúas asociacións afíns contra a primeira das sentenzas da Audiencia Nacional, a presentada pola organización ecoloxista Greenpeace, que anulou a prórroga da concesión.

Con todo, hai pendente un segundo recurso contra a segunda sentenza da Audiencia Nacional, que daba a razón ao Concello de Pontevedra, e que, "por atoparse aínda en tramitación o procedemento" e xa que ten un "contido semellante ao do presente", a sala terceira deixou "sen efecto" a cita acordada para o pasado 4 de outubro.

Ambas as sentenzas da Audiencia Nacional estimaron as demandas contra a prórroga á concesión de Ence, aprobada polo Goberno español en funcións de Mariano Raxoi o 20 de xaneiro de 2016, e os maxistrados acordaron a súa anulación.

Comentarios