Ulloa Viva e a PDRA convocan unha manifestación nacional contra Altri o 14 de decembro en Compostela
As plataformas reclaman a "denegación definitiva" do proxecto de macrocelulosa en Palas de Rei e chaman a "seguir mobilizándonos" até "soterrar definitivamente este proxecto".
As plataformas Ulloa Viva e En Defensa da Ría de Arousa (PDRA) —xunto co resto de colectivos integrados na mesa de coordinación nacional contra Altri— anunciaron unha gran manifestación nacional o sábado 14 de decembro en Compostela, coincidindo co aniversario da masiva manifestación do 15 de decembro de 2024, cando máis de 100.000 persoas ateigaron a cidade ao berro de "Altri Non". O chamado volve pór o foco na "denegación definitiva" de todo o expediente da macrocelulosa proxectada en Palas de Rei (A Ulloa).
"O noso obxectivo é que a Xunta denegue xa o proxecto", salientaron na rolda de prensa. Nunha rolda de prensa na que estiveron acompañados de integrantes de colectivos que integran a mesa de coordinación, como Adega, a CIG, a Fruga, Ecoloxistas en Acción ou o SLF, o presidente de Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, e o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, fixeron un chamamento a "seguir mobilizándonos" contra un proxecto que "ataca directamente o modo de vida da comarca da Ulloa, a calidade das augas do río Ulla, e a supervivencia da pesca e o marisqueo na ría de Arousa". Un río, o Ulla, e unha ría tamén ameazadas, engadiron, polo "intento de reapertura da mina de Touro-O Pino".
"De igual maneira que o pobo galego fixo fronte á marea negra do Prestige e ás vagas de lumes, poñeremos fin a este despropósito de proxecto", enfatizaron os presidentes das entidades. Rubido, convencido de que unha nova mobilización o 14 de decembro "pode deixar Altri fóra definitivamente da planificación eléctrica", ligou á mobilización social o feito de que Altri quedara fóra do Perte da descarbonización e das axudas públicas de 250 millóns que reclamaba. "É máis necesario ca nunca continuar coa presión mobilizadora para soterrar defintivamente este proxecto", engadiu o presidente da PDRA.
Entre os obxectivos desta nova convocatoria figuran "chegar até o final coñecendo a letra pequena do acordo entre Altri e Impulsa Galiza e paralizar todas as autorizacións pendentes da Xunta", todo con vistas a evitar "as posteriores reclamacións xudiciais de tipo económico que vai interpor Altri para tentar indemnizacións con cargo ás arcas públicas".
Para impedir "calquera volta atrás"
No plano estatal, Ulloa Viva e PDRA valoran positivamente o anuncio do Miteco de non incluír na Planificación Eléctrica 2025–2030 nin a liña nin a subestación necesarias para o Proxecto Gama, o que "vai no camiño" das súas demandas. As plataformas, porén, avanzan que vixiarán toda a tramitación e formularán alegacións para impedir "calquera volta atrás" até a aprobación firme da planificación. "Cando a sociedade di maioritariamente non, o Estado reitera o non, non entendemos a que esperan a Xunta e Altri-Smarttia [propietaria do 95% de Greenalia]" para dicir non tamén, preguntou Juan Pedro Sánchez, quen engadiu: "Non é non, non hai negociación posíbel, a resposta é non".
Sen auga, sen electricidade e sen licenza social
As organizacións lembran que o proxecto "non ten fondos públicos, nin auga, nin electricidade nin licenza social” e atribúen á Xunta da Galiza a responsabilidade de pór fin ao proceso: "É responsabilidade da Xunta acabar con este despropósito e pedirnos perdón por levarnos a esta situación impropia de calquera goberno democrático". Tamén avisan de resposta inmediata con concentracións locais se o Goberno galego autoriza captación de auga ou concede a Autorización Ambiental Integrada, após a "vergoñenta" DIA positiva de marzo.
"Mentres exista a mínima ameaza da súa implantación as veciñas e os veciños seguiremos organizándonos, defendéndonos e protexendo o futuro das nosas fillas e dos nosos fillos", concluíron, facendo un chamamento a unha participación masiva o 14 de decembro en Compostela.

