O TSXG reprocha á Xunta a "falta de axilidade" e dunha "actuación dilixente" na protección do patrimonio arqueolóxico do Acibal
O alto tribunal galego desestima unha demanda de Adega que recibiu o voto particular do maxistrado Luís Villares, quen considera que a demanda "tiña que ser acollida na súa integridade".
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de desestimar o recurso contencioso-administrativo interposto por Adega contra a Xunta da Galiza no marco da construción do parque eólico do Acibal –entre Barro, O Campo Lameiro e Moraña– paralizado pola xustiza tras o achado de restos arqueolóxicos tamén a petición da entidade ecoloxista; unha decisión cautelar recorrida polo Goberno galego, mais ratificada polo Tribunal Supremo o pasado 31 de marzo.
Neste procedemento, Adega sostiña a Administración galega "omitiu o seu deber legal" de paralizar as obras do parque eólico ante a aparición de numerosos achados arqueolóxicos non catalogados previamente, "o que constitúe unha actuación material fóra da súa competencia ou prescindindo do procedemento legalmente estabelecido".
Antecedentes
Cómpre lembrar que as obras do parque eólico do Acibal comezaron após se autorizar a súa construción en 2022 e sen que mediase ningunha impugnación previa. Os traballos no monte revelaron elementos arqueolóxicos que non figuraban na Declaración de Impacto Ambiental e que a veciñanza puxo en coñecemento da Xunta para a súa catalogación e coidado.
O silencio da Administración acrecentou a mobilización dos colectivos locais que urxían a protección do seu patrimonio que denunciou os estragos ante o Seprona. Neste contexto, Adega presentou un requirimento para exixirlle á Xunta a aplicación do artigo 100 da Lei de patrimonio cultural da Galiza, "que faculta a Administración para ordenar a paralización inmediata das obras por un prazo de até dous meses ante a sospeita de existencia de xacementos".
A Xunta ignorou o requirimento de Adega, que presentou o recurso que agora resolve a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG. Segundo a denuncia da entidade ecoloxista, malia as "evidencias gráficas e denuncias veciñais, a Xunta mantivo unha actitude pasiva que derivou na espoliación patrimonial dunha zona de gran riqueza arqueolóxica".
Desestimación e reproche
O alto tribunal galego desestima a demanda de Adega, que reclamaba "non só a paralización das obras, senón o recoñecemento de que a Xunta de Galiza permitiu a destrución de patrimonio por non exercer as súas competencias de vixilancia". Porén, o TSXG amósase moi duro coa Administración galega no seu escrito, ao que tivo acceso Nós Diario.
"Non obstante a desestimación, esta Sala debe realizar un reproche á conduta da Administración autonómica pola súa falta de axilidade inicial na xestión do conflito. Aínda que se acreditou que finalmente se adoptaron medidas protectoras, a resposta administrativa pareceu ser reactiva ante as denuncias do Seprona e a presión veciñal, en lugar de proactiva no exercicio das súas facultades de policía de patrimonio. Unha actuación administrativa máis dilixente e unha paralización preventiva inmediata ante os primeiros indicios de petróglifos evitarían a xudicialización deste conflito e garantirían, con maior celo, o principio de precaución que debe rexer na protección de bens culturais".
No uso da súa facultade, o TSXG decide tamén "non impor as costas á parte recorrente a pesar da desestimación íntegra das súas pretensións". E apunta que " o reproche realizado á dministración pola súa conduta reactiva e a falta dunha paralización preventiva proactiva xustifica que a demandante puidese considerar razoábel a interposición do recurso para a defensa do patrimonio cultural, concorrendo así circunstancias excepcionais que aconsellen que cada parte abone as costas causadas á súa instancia e as comúns por metade".
Xustificación e voto particular
O TSXG xustifica a súa decisión de desestimar o recurso contencioso-administrativo presentado por Adega en que a parte demandante debería ter empregado unha vía procesual distinta á escollida. En concreto, sinala que debera ter impugnado "a inactividade da Administración" e non elixir a "vía de feito", un tecnicismo que a entidade ecoloxista considera atinado, con todo, como acredita o maxistrado Luís Villares na xustificación do seu voto particular.
Na súa exposición dos feitos, cuestiona o proceder da empresa promotora do parque eólico no que ten a ver coa preservación e protección do patrimonio, máis tamén mais a reacción da Xunta da Galiza no marco das súas competencias e conclúe que no caso do Acibal "onde hai evidentes signos de destrución e deterioración grave de formacións rochosas documentadas e fotografadas tal como se xustifica non apartado de Feitos Probados, resulta evidente que en toda esa área cumpría a paralización dás obras tal como foi demandado no requirimento" presentado por adega en setembro de 2023, polo que considera que a demanda "tiña que ser acollida na súa integridade".
A resolución do TSXG levanta a paralización das obras decretadas pola xustiza. Ante a mesma, cabe interpor recurso de casación, unha medida que Adega está a valorar.
