O TSXG avala o confinamento de Ourense e Barbadás

Controis de mobilidade en Ourense (Imaxe: Europa Press).
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de emitir un auto no que apoia as últimas medidas sanitarias acordadas  pola Xunta para frear a propagación do coronavirus na comarca de Ourense, que implican a limitación da mobilidade na cidade e no municipio limítrofe de Barbadás, unha restrición que acaba de ser tombada en Madrid polos tribunais esta mesma semana.

A resolución ratifica as restricións específicas adoptadas pola Xunta, e publicadas no DOG o pasado día 7, para frear o avance de casos de coronavirus nas comarcas de nas comarcas de Allariz-Maceda, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Valdeorras e Verín.

Entre elas cóntase a decisión de confinar os concellos de Ourense e Barbadás, onde non se permite a mobilidade "co fin de controlar a irradiación de casos a outros concellos da comarca", limitando os traslados, agás por causas excepcionais e xustificadas. 

A decisión, que chega na mesma semana na que o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid  tombaba as restricións o fechamento desta cidade, e outros nove municipios da comunidade, baixo o argumento de que a restrición por supor "unha inxerencia nos dereitos fundamentais sen habilitación legal que a ampare", contou, no caso da Galiza, con informe favorábel da Fiscalía.

Na súa resolución, a sala do contencioso administrativo do alto tribunal galego conclúe que  as ordes sanitarias da Xunta, malia privar ou restrinxir dereitos e liberdades fundamentais,  "teñen amparo nas leis nas que se fundamenta a solicitude", "están xustificadas" e mesmo "son son idóneas para a prevención e protección da saúde da poboación á que van destinadas (...) dada a constatación dunha situación de perigo actual e real para a saúde da cidadanía". 

Da mesma maneira, o TSXG, noutro auto tamén emitido no día de onte, apoia as restricións sanitarias de Compostela e a súa comarca.