Covid: Sanidade eleva as restricións no concello do Carballiño

Imaxe dun dos reclamos turísticos máis recoñecíbeis da vila. (Foto: Turismo de Ourense)

A consellaría tomou a decisión de aplicar ao municipio as medidas de nivel 3 após as recomendacións do comité clínico que fai o seguimento da evolución da pandemia na Galiza. O departamento que dirixe Julio García Comesaña culpabiliza da expansión do virus, sobre todo, aos encontros nos locais de hostalaría. As novas limitacións entrarán en vigor esta mesma noite.

Apenas sen tempo para acostumarse ás restricións da mobilidade nos municipios de Ourense e Barbadás, a Consellaría de Sanidade anuncia novas medidas limitativas, neste caso para o concello do Carballiño.

O departamento que dirixe Julio García Comesaña explicou esta sexta feira que eleva as medidas na localidade ao nivel 3. Esta decisión tomouse logo de manter unha reunión co subcomité clínico de persoas expertas que asesora á Xunta sobre a evolución epidemiolóxica do coronavirus.

As prohibicións, que comezarán a estar vixentes esta medianoite, pasan porque os negocios de hostalaría non poidan servir no seu interior. Só poderán atender á xente nas terrazas e a grupos de cinco persoas como máximo.

A mesma limitación terán as reunións nos restaurantes, pero neste caso dentro dos locais. Tampouco poderán ser persoas que non convivan.

A única diferencia con Ourense e Barbadás é que non hai un confinamento, polo menos até o de agora. As medidas aparecerán hoxe no Diario Oficial da Galiza (DOG).

Nese anuncio no DOG, o equipo que dirixe García Comesaña culpabiliza do aumento dos contaxios "sobre todo" ás reunións "nos bares". Este sector xa denunciou en diversas ocasións que se sinte atacado polas administracións e onte mesmo a hostalaría protestaba no centro de Ourense polas dificultades económicas que están a pasar como consecuencia das decisións derivadas da expansión da pandemia.

Segundo o comité, era preciso acometer estas novas restricións para intentar frear a curva de contaxios no termo municipal. No entanto, no resto da comarca coñecida polo mesmo nome mantéñense no nivel dous como xa se advertira esta semana.

No nivel 2

Nesa mesma fase, na que hai capacidades reducidas en bares, cafeterías e comercios, entre outros espazos, están as comarcas de Allariz, Ourense, O Ribeiro, O Carballiño, Verín e Valdeorras.

Na mesma situación se atopan os concellos galegos de Lugo, Compostela, Ortigueira, Pontevedra, Vilagarcía, Vilanova de Arousa, Meis, Marín, Poio, Cambados e Sanxenxo. Tamén pesan as restricións sobre o núcleo residencial de Milladoiro, en Ames.