As residencias fan disparar os contaxios

Os surtos nas residencias de Os Gozos e Monterrei elevan os casos positivos até os 4.264, nunha xornada con dous falecementos.
A Xunta decidiu hoxe intervir a residencia Os Gozos, en Pereiro de Aguiar, onde nas últimas 48 horas se detectaron máis de 130 contaxios de coronavirus. O surto, xunto co rexistrado noutro centro de maiores de Monterrei, leva as cifras de novos contaxios a niveis de final de marzo, con 429 novos positivos na última xornada. 

O pico de contaxios rexistrado nas últimas dúas xornadas en residencias de maiores, concentradas na de Pereiro de Aguiar e na de Monterrei, na área sanitaria de Ourense, disparou hoxe até os 429 os novos casos  coronavirus, por enriba do duplo da media diaria das últimas semanas.

Nos centros concéntranse xa 540 casos, dos que 417 corresponden a persoas usuarias e o resto (123), a persoal.

Os últimos datos facilitados polo Sergas suman tres persoas residentes e 23 traballadoras infectadas na residencia Os Gozos, de Pereiro de Aguiar, onde se produciu a pasada quinta feira o foco máis grave con 106 usuarias afectadas, ademais das tres persoas xa diagnosticadas con anterioridade. 

Nestas circunstancias, a Xunta acordou onte a intervención deste xeriátrico, que segundo as últimas cifras achegadas pola Consellaría de Política Social acumula xa 137 casos, 112 entre residentes e o 25 no colectivo laboral.

Segundo informou, un equipo de profesionais do Sergas "xa se desprazou á residencia" para facer un seguimento médico "constante" e "vixiar a correcta aplicación dos protocolos de prevención, seguridade e hixiene". Hai un mes, a Xunta interviña o centro DomusVi de Lugo por un surto con 158 contaxios e posteriormente fíxoo na do Incio e no centro El Pinar, en Culleredo.

O outro foco onde medraron de forma drástica os casos positivos esta semana está no xeriátrico de Monterrei, onde se detectaron nas últimas 48 horas 47 novos positivos (un deles, onte). Con estes datos, as residencias galegas acumulan xa 417 casos entre residentes e 123 no persoal. 

A área sanitaria ourensá –onde a Xunta está a aplicar desde esta sexta feira medidas excepcionais, con restricións case totais de mobilidade e reunión nos concellos de Ourense e Barbadás–, é tamén a que acumula o  maior número de novos positivos, 235, o que supón a cifra máis alta de toda a pandemia e máis da metade dos detectados en todo o país nas últimas 24 horas.

Tamén é a área con maior cifra de hospitalizacións. Nela están ingresadas 67 das 225 persoas ingresadas no país, nove delas na UCI (das 38 totais). Ademais, 1.284 persoas están en seguimento en domicilio nesta zona.

Os centros de ensino volven superar os 400 positivos

As escolas infantís, colexios e institutos volveron superar onte os 400 casos positivos de coronavirus, despois dunha baixada esta semana.

Xunta 403 contaxios, que obrigan a manter 21 aulas fechadas, oito máis que no día precedente e o número máis elevado desta semana. A maior incidencia está na cidade de Ourense e a súa contorna, con 143 persoas e seis aulas afectadas.