Tres incendios activos ao comezar a arder este sábado na Fonsagrada: o fogo de Pantón alcanza Sober e xa queimou 1.400 hectáreas
A Consellaría do Medio Rural informou este sábado da situación dos incendios forestais rexistrados na Galiza con datos recollidos até as 9 horas. A principal novidade, ademais da actualización da superficie dos incendios de Pantón (Terra de Lemos) e O Bolo (Valdeorras), é que ao longo da pasada noite rexistrouse un incendio forestal no concello da Fonsagrada, na parroquia do Trobo, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 20 hectáreas.
Tres incendios activos
Ás 14.16 horas da quinta feira comezou o incendio forestal rexistrado no concello de Pantón, na parroquia de Pombeiro, no que se mantén activa a Situación 2 de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Lornís.
Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 1.400 hectáreas, parte delas no concello de Sober (Terra de Lemos). Para a súa extinción mobilizáronse, de forma acumulada, 12 técnicos, 62 axentes, 82 brigadas, 62 motobombas, nove pas, catro unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 12 avións. Ademais, neste incendio mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Permanece tamén activo desde a quinta feira ás 23.47 horas o incendio forestal do concello do Bolo, na parroquia de Vilaseco, no que segue decretada a Situación 2 de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de Santa Cruz, medida que se desactivara a última hora mañá desta sexta feira e se tivo que reactivar na tarde tras empeorar as condicións meteorolóxicas.
Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 240 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse tres técnicos, 21 axentes, 34 brigadas, 24 motobombas, tres pas, dúas unidades técnicas de apoio, seis helicópteros e 11 avións. Neste incendio tamén se mobilizaron efectivos da UME.
Por outra parte, desde as 2.25 horas deste sábado permanece activo un incendio forestal no concello da Fonsagrada, na parroquia do Trobo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor das 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse tres axentes, seis brigadas e seis motobombas.
Controlado un incendio en Barreiros
Segue controlado desde a pasada terza feira ás 21.59 horas o incendio forestal rexistrado no concello de Barreiros (A Mariña), parroquia de San Xusto de Cabarcos, iniciado o pasado domingo ás 16.14 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 140 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de forma acumulada, oito técnicos, 78 axentes, 106 brigadas, 84 motobombas, catro pas, dúas unidades técnicas de apoio, sete helicópteros e dous avións.

