17 persoas son desaloxadas do núcleo de poboación de Abelairas, en Pantón
Un total de 17 persoas do núcleo de poboación de Abelairas, en Pantón (Terra de Lemos), tiveron que ser evacuadas durante a pasada noite debido ao avance do incendio, que xa arrasa ao redor de 1.400 hectáreas.
Trátase da única aldea que permanece desaloxada a causa deste incendio, xa que o resto de veciños e veciñas que foran obrigadas a abandonar as súa vivendas xa puideron volver ás súas casas, segundo informa este sábado o 112 Galiza.
Durante a sexta feira, chegáronse a evacuar a 49 persoas en Pantón, nos núcleos de Cibrisqueiros, Frontón, Budián e Souto, e houbo desaloxos das aldeas da Barca e Rosende, no municipio limítrofe de Sober (Terra de Lemos), onde pasou o incendio tras saltar o río Cabe.
Estas medidas estabelecéronse con motivo da declaración da Situación 2 no incendio que comezou no municipio de Sober, o que implica a adopción de medidas especiais para a protección da cidadanía debido á proximidade do lume, unha medida que tamén permanece activa no Bolo (Valdeorras).
Neste sentido, no Bolo, foron desconfinadas as veciñas e os veciños dos núcleos de Lentellais, Santa Cruz e O Bolo, que recibiran a orde de fechamento na tarde desta sexta feira. O incendio que avanza nesta municipio, no que segue activo a Situación 2 de emerxencia, xa calcina 240 hectáreas.
Ferido un bombeiro
Por outra parte, un bombeiro forestal resultou ferido esta sexta feira tras sufrir un mareo e estúdase a súa relación cun posíbel golpe de calor, segundo informa o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE).
Tras o incidente, o efectivo foi trasladado ao Hospital de Ourense. O suceso tivo lugar nun incendio rexistrado na xornada da sexta feira en Xunqueira de Ambía (comarca de Allariz-Maceda), que quedou extinguido no mesmo día.

