O tren 'low cost' de Renfe chegará á Galiza, mais aínda non ten data

O Avlo opera entre Madrid e Barcelona con prezos desde sete euros e unha ocupación de 90% (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
O Avlo —alta velocidade a baixo prezo— realiza desde xuño o percorrido Madrid-Barcelona, e arribará a Alicante, Sevilla e València en 2022.

O tren de alta velocidade low cost Avlo— que Renfe opera entre Madrid e Barcelona desde o pasado xuño con viaxes a partir de sete euros tamén chegará á Galiza, a través da nova rede do AVE entre a capital estatal e Ourense que se inaugurará o vindeiro 20 de decembro. Así o confirmou nesta terza feira o presidente de Renfe, Isaías Táboas, durante a súa intervención nunha xornada organizada pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama) na que, aliás, explicou as principais novidades a respecto da arribada do AVE ao país.

"O Avlo chegará á Galiza, porque é un tren pensado para atraer a xente nova, sacar coches da estrada e incrementar a cota do ferrocarril. Os produtos de baixo custo teñen unha razón de ser e isto quedou demostrado en Madrid e Barcelona, onde tanto nós como a competencia estamos a encher os trens", afirmou.

De feito, no traxecto entre estas dúas cidades a ocupación media supera 90% desde que comezou funcionar o servizo. O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana xa confirmou que o Avlo chegará a València en marzo, e a Alicante, Sevilla e o resto do corredoiro do sur ao longo de 2022. Para a Galiza, porén, aínda non hai unha data concreta.

Gañar terreo ao avión, o obxectivo de Renfe

Táboas cifrou en seis millóns as persoas viaxeiras en todos os medios de transporte do país, das que 10% corresponde ao ferrocarril. O seu obxectivo é aumentar esta cifra e que, fronte ao avión, que hoxe concentra oito de cada dez viaxes na disxuntiva entre estes dous medios, pase a 50% cada un, grazas aos "tempos competitivos" que terá o tren no futuro e ao seu "compromiso de puntualidade".

Outra das metas da compañía é saír da "estacionalidade" que supoñen agora as fins de semana e o verán, así como incrementar a cota de viaxes de negocios en tren, que hoxe só abranguen 11%.

A Coruña, Compostela e Ourense verán incrementada cadansúa oferta de seis a dez frecuencias diarias a Madrid; Vigo, de catro a oito; Pontevedra, de cinco a sete, e Lugo, de tres a catro.

Un "reto" para a enxeñaría

A presidenta da Asociación Nacional de Construtores Independentes (ANCI), Concha Santos, tamén asistente ao acto da Aegama, salientou o "reto para a enxeñaría" que supuxo esta liña, que consta de 440 quilómetros de lonxitude, 38 viadutos e 31 túneles, e permite unha velocidade máxima de 350 quilómetros por hora. A primeira viaxe entre Madrid e a Galiza, explicou, remóntase a 1882, e tiña unha duración de até 34 horas. Hoxe, após o investimento nos últimos 16 anos de perto de 9.000 millóns de euros, esta liña é xa unha realidade.

Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que esta nova conexión ferroviaria abre un potencial "enorme" para o país, mais lembrou que, polo de agora, só chega a Ourense, polo que insistiu na necesidade de "continuar coa rede" até o resto de cidades galegas.

O AVE chega finalmente á Galiza, mais con trece anos de atraso a respecto das primeiras estimacións. Aliás, o debate sobre as conexións ferroviarias no interior do país está máis candente que nunca.