O treito ferroviario Monforte-Lugo, fóra de servizo até o 10 de maio

Tren de media distancia (Foto: Renfe).
Renfe estabelece plans alternativos de transporte por estrada neste período, no que se acometerán traballos de mellora na rede ferroviaria.

O tráfico ferroviario de viaxeiros entre Monforte de Lemos e Lugo verase interrompido entre este 10 de xaneiro e o vindeiro 10 de maio, debido ás obras de mellora que Adif leva a cabo neste corredor. Por iso, Renfe estabeleceu plans alternativos de transporte por estrada para as persoas afectadas, en concreto, desde as 8 horas desta segunda feira até as 14 horas do 10 de maio.

O ente ferroviario indicou que se ofrece a posibilidade de anular os billetes ou cambialos sen custo adicional —se é para a mesma clase, no caso de modificalos—, "se as novas condicións de viaxe non se axustan ás necesidades dos clientes".

Con todo, Adif e Renfe lamentan as "molestias ocasionadas aos viaxeiros". Así o informou Adif nun comunicado, no que explica que durante este período de actuacións nas infraestruturas, que inclúe obras de drenaxe, pasos superiores, noiros de trincheiras e túneles, e en vía para permitir a electrificación do treito entre Monforte e Lugo Mercadorías, de 75 quilómetros de lonxitude.

"A execución desta fase de obras é incompatíbel co tráfico ferroviario, xa que leva consigo o levantamento da vía e instalacións en varios quilómetros do percorrido para permitir o rebaixe e sostemento nos túneles, alén da adecuación das pontes existentes para a instalación da catenaria", aclara Adif.

As actuacións de mellora que levan a cabo no tramo en servizo Ourense-Monforte-Lugo teñen como obxectivo, engade, "cumprir os compromisos de Adif coa optimización das condicións de explotación comercial do traxecto en parámetros tales como a fiabilidade, o confort e os tempos de viaxe".

Por outra banda, acometerase neste período a renovación da cabeceira norte da estación de Monforte de Lemos, onde se substituirán dez desvíos por outros de tipo P de última xeración e a renovación das vías 1, 2, 3 e 4. Todas estas obras, destaca Adif, "contribúen á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS), como é o número 9, que ten entre as súas metas desenvolver infraestruturas fiábeis, sostíbeis e de calidade".

Adif apuntou que a electrificación do treito Monforte-Lugo vai ser financiada pola Unión Europea, a través dos fondos Next Generation.

Traslados por estradas

Entre o 10 de xaneiro e o 9 de maio os trens Alvia e Intercity que pasen polo tramo en obras comezarán e rematarán viaxe en Monforte de Lemos, como os que saen e chegan a Lugo. Os traballos nese treito tamén afectarán usuarios de convois de media distancia, que serán trasbordados por estrada.