A Xunta non protexe estes espazos dos eólicos

Trece novos parques eólicos ameazan a Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra, O Courel e O Iribio

Mapa cos catro parques eólicos operativos na Reserva da Biosfera e os trece novos que se atopan en fase de tramitación (Infografía: Nós Diario).
Aos catro parques eólicos xa operativos no territorio que abrangue o espazo protexido da Ribeira Sacra, O Courel e O Iribio poderían sumarse outros trece, xa que a lexislación galega non impide a día de hoxe o inzamento destas instalacións nas reservas da biosfera.

AGaliza conta desde a pasada semana con sete reservas da biosfera. Aos espazos naturais da Área de Allariz, Os Ancares-Montes de Cervantes, Xurés-Gerês, As Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo, río Eo-Oscos-Terras do Bourón e Terras do Miño veñen de sumarse, nun proxecto de conservación conxunto, a Ribeira Sacra e as serras do Iribio e O Courel. Así o decidiu o Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB (o Home e a Biosfera, en inglés) da Unesco, reunido na segunda e a terza feira en Abuxa (Nixeria).

O territorio delimitado abrangue unha superficie de 306.534,77 hectáreas, na que se atopan 23 concellos: Bóveda, Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, A Peroxa, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Triacastela, cunha poboación total de máis de 75.000 habitantes.

Na súa intervención telemática para defender a candidatura, a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, salientou que este "proxecto de país" —que iniciou a súa tramitación en 2017— permite que 42% do territorio galego "quede amparado baixo algunha figura de protección".

A lexislación non impide os eólicos nas reservas

Diversos colectivos ecoloxistas e sociais do país veñen alertando nos últimos meses da "escasa protección" que o Goberno galego ofrece nos espazos de especial conservación ante o boom eólico. Se ben no territorio que comprende a Rede Natura 2000 —menos de 12% da superficie da Galiza— están prohibidos estes proxectos —coa excepción do repotenciamento de parques xa existentes—, nada impide que se constrúan na zona delimitada para a ampliación da Rede Natura, pendente de se concretar desde 2011.

Tampouco hai nas reservas da biosfera ningunha indicación contraria ao inzamento destas instalacións enerxéticas. A Xunta aprobou catro anos atrás o Decreto 95/2017, polo que se crea a Rede de reservas da biosfera da Galiza, mais o texto, de pouco máis de 350 palabras, non reflicte ningunha medida concreta para protexer estes espazos das explotacións industriais. Unicamente fai referencia, de forma xeral, á necesidade de "propiciar a colaboración para avanzar na conservación, desenvolvemento e apoio loxístico das reservas".

Porén, o Marco Estatutario da Rede Mundial de Reservas da Biosfera da Unesco insta as entidades xestoras a "contribuír á conservación das paisaxes, os ecosistemas, as especies e a variación xenética", así como a "fomentar un desenvolvemento económico e humano sostíbel desde os puntos de vista sociocultural e ecolóxico".

A lei prohibe estas infraestruturas nos espazos da Rede Natura 2000; non así nas reservas da biosfera

Cómpre lembrar que a Unesco acordou conceder este status á Ribeira Sacra e as serras do Iribio e O Courel "polas súas características paisaxísticas e medioambientais".

Así as cousas, a Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais na Galiza, denominada polo ecoloxismo como 'Lei de Depredación', non fai mención ningunha ás reservas da biosfera; non así cos espazos da Rede Natura 2000, en cuxas lindes se prohibe a instalación de parques eólicos.

Pola súa banda, a Lei 9/2021, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, limítase a definir os procedementos de avaliación ambiental aos que serán sometidos todos aqueles proxectos "que poidan afectar de forma apreciábel os espazos protexidos da Rede Natura 2000", deixando aberta a porta ás turbinas eólicas nos territorios que gozan desta especial protección.

Tamén esquece as reservas da biosfera, mais inclúe as restricións sobre os lugares da Rede Natura, a Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico na Galiza.

Unha ducia de parques eólicos, en proxecto

Nos 23 concellos que abrangue a Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e as serras do Courel e O Iribio están actualmente en funcionamento catro parques eólicos: Chantada, promovido no municipio homónimo por Galiza Vento SL; Montes de Abella, en Triacastela, impulsado por Invereólica de Abella SL; Serra das Penas, de Enel Green Power —filial de Endesa— en Paradela, e un cuarto que leva o nome desta última vila, propiedade tamén de Enel. Todos eles suman un total de 62 aeroxeneradores, e unha potencia instalada de 119 megawatts (MW).

Mais cómpre engadir os 13 proxectos que actualmente se atopan en diferentes fases de tramitación ou solicitude previa a través da Xunta da Galiza e o Goberno do Estado. A galega Greenalia, da que é directiva a ex conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, quere impulsar en Samos e Triacastela os parques Levante e Monteiro, o primeiro de 19 muíños e 106,4 MW e o segundo de cinco turbinas e 33,6 MW. E entre Paradela e O Saviñao prevé erguer o polígono eólico Coto dos Chaos, tamén composto por cinco aeroxeneradores e 33,6 MW.

No corazón da Ribeira Sacra, entre Quiroga, Ribas de Sil, Castro Caldelas e os concellos limítrofes da Pobra de Trives e San Xoán de Río, un conglomerado de empresas liderado polo empresario balear Antonio Mascaró está a tramitar cinco parques eólicos que compartirían infraestruturas e terían idénticas dimensións: doce aeroxeradores e 50 MW cada un, o límite para acudir á vía da Xunta e esquivar o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Son os proxectos Neboada, Orballeira, Treboada, Ventumelo e Xeada.

Un empresario con problemas coa Xustiza balear promove cinco parques fragmentados

Cómpre salientar, como xa informou Nós Diario o pasado 9 de setembro, que Mascaró, antigo directivo da Banca March, foi investigado en 2007 pola Xustiza de Balears por un presunto delito de estafa do que, finalmente, foi absolto.

Entre Taboada e Chantada prevé instalar dous parques o Grupo Breoenergy, a través das súas filiais Galenergy e Breotecnia. Trátase de Maxal —nove muíños e 40,5 MW— e Prado Vello —tres turbinas e 9 MW—. Este último recibiu o pasado xullo, por parte do Goberno galego, a autorización administrativa previa e de construción.

Aliás, en Portomarín está proxectado o polígono O Picato, de Naturgy, conformado por 13 aeroxeradores e unha potencia de 42 MW, e tamén conta cos permisos previos. E Green Capital Power está a tramitar na Pobra de Trives, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil e San Xoán de Río o parque A Boibela, de 12 turbinas e 72 MW.

Finalmente, a sociedade do Estado noruegués Statkraft prevé instalar un parque eólico no Bierzo, Barxas, que afectaría tamén os concellos de Folgoso do Courel e Quiroga. O proxecto consta de 22 muíños e un total de 121 MW.

Entre interrogantes está o parque Serra do Iribio —da empresa Fergo Galiza Vento SL—, cuxa autorización anulou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, xa que o Consello da Xunta dera luz verde ao proxecto malia tratarse dunha pequena modificación do presentado 14 anos antes perante o Goberno de Manuel Fraga. Porén, en abril deste ano o Supremo fallou a favor da empresa.