Veciñanza afectada convida doce alcaldes a debater sobre o modelo eólico

Manifestación en Compostela contra os eólicos, o pasado 5 de xuño (Foto: Arxina).
O primeiro encontro intermunicipal sobre a política enerxética decorrerá nesta sexta feira en Santa Comba.

Os colectivos Quijote de Outes, Fonte Seca, BerXallas-Minaría Destrutiva Non, Patrimonio e Natureza, Rede Galega por un Rural Vivo, Ecoloxistas en Acción Galiza, Asociación de Afectados polo parque eólico Outes-Mazaricos (Apeom), asociación cultural Larada e Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra veñen de convocar o primeiro encontro intermunicipal entre o tecido social e os rexedores da contorna para debater sobre o modelo enerxético e o futuro do rural.

A xuntanza celebrarase esta quinta feira, a partir das 20 horas, en Santa Comba, e están convidados os alcaldes e alcaldesas desta mesma vila, A Baña, Cabana de Bergantiños, Carballo, Carnota, Coristanco, Laxe, Mazaricos, Negreira, Outes, Val do Dubra e Vimianzo, concellos afectados hoxe pola tramitación de máis dunha trintena de proxectos eólicos.

"Este encontro servirá para crear lazos e estabelecer puntos de encontro entre os distintos colectivos e equipos de goberno municipais, dar a coñecer as distintas sensibilidades e posíbeis alternativas a esta transición e planificación do modelo enerxético e propor estratexias conxuntas na defensa do territorio", sinalan as entidades convocadoras.

As asociacións salientan que todos estes parques presentan "serias ameazas en termos ambientais, sociais e económicos". Así, na reunión porán de manifesto os "fortes impactos" que suporían para o seu modo de vida, desde a afección sobre o "medio" e o "patrimonio" até os riscos para a "saúde", así como o impacto que terían estas instalacións sobre as súas actividades económicas, en boa parte "ligadas ao medio" a través do sector primario.

Lembran, aliás, a "curta distancia dos aeroxeradores aos núcleos de poboación [500 metros segundo a lexislación vixente]". Trátase dunha serie de impactos negativos que, aseguran, non repercutirán de forma positiva "no desenvolvemento económico e social dos concellos".

"Non queremos ser un territorio de sacrificio"

Para estes colectivos, cómpre que a Galiza deixe de ser un "territorio de sacrificio" e loitar para "intentar frear esta avalancha de tramitación de parques eólicos".

Para iso, buscan crear unha "resposta eficaz e o suficientemente forte no eido local" e reverter o "descontrol" e a "falta de regulación" nos trámites destes proxectos, quer a través da Xunta da Galiza, quer por mediación do Goberno do Estado.